O coordinador do Partido Popular na Mariña e alcalde de Burela, José González Barcia, resalta hoxe a aposta da Xunta de Galicia polo Hospital da Costa e fala dun “paso adiante decisivo” de cara á ampliación do centro.
O popular fixo estas declaracións logo de que hoxe o Consello da Xunta aprobase a adxudicación da redacción do Plan Director do Hospital da Costa, por un importe de 112.530 euros, e despois de que onte o presidente da administración autonómica xa adiantase o anuncio en sesión parlamentaria.
Así, Barcia explica que os populares da Mariña acollen “de forma moi satisfactoria esta acordo da Xunta de Galicia, ao igual que os cidadáns dos concellos da zona, que son conscientes do compromiso do Goberno galego coa modernización sanitaria na comarca e, polo tanto, co proxecto construtivo do hospital”.
Deste xeito, o coordinador dos populares na comarca da Mariña e alcalde de Burela asegurou que “sempre confiamos na palabra dada por Feijoo”, e, deste xeito, cualificou de “moi importante” o esforzo da Xunta de Galicia, que “en época de crise desbloquea este proxecto, mentres outros, -PSOE e BNG-, non o fixeron durante a bonanza económica”.
Polo tanto, trala adxudicación da redacción do Plan director e proxecto construtivo do Hospital Público da Costa, “só queda agardar que os prazos se cumpran e que incluso se podan mellorar para que, canto antes, se materialice a ampliación do centro sanitario da comarca, ao estar ante unha obra de gran demanda na Mariña”.
“Desfachatez” dos socialistas
Barcia explica que esta ampliación “parece que non lle senta ben ao Partido Socialista dado que eles durante a Xunta bipartita non foron capaces de elaborar nin un só documento serio sobre a ampliación do hospital e incluso tiveron a ousadía, aquí, en Burela, de anunciar por tres veces un investimento que nunca se chegou a realizar”.
Deste xeito, o popular explica que “entendemos que aqueles que anunciaron o peche do Hospital da Costa estean seriamente preocupados porque un compromiso adoptado polo PP, compromiso de estar ao lado dos veciños e dos cidadáns, dea un paso adiante para ser cumprido”.