Partido Popular de Lugo

O PP pide que a Deputación dea unha “solución integral” á estrada de Figueiras e non se limite só a “poñer remendos”

O Partido Popular de Mondoñedo pedirá nun rogo, que presentará para ser tido en conta no próximo pleno local, que a Deputación Provincial de Lugo, titular da LU-P-3108, dea unha solución integral a esta estrada da parroquia de Figueiras e non se limite só a “poñer remendos”.

Os populares explican que a LU-P-3108 é a única vía de comunicación da que dispoñen os veciños de Figueiras para desprazarse ata a localidade e ademais de ser unha estrada “estreita e con numerosas curvas” presenta tramos en moi deteriorado estado, con “baches continuados e carencia de aglomerado”.

A través deste rogo, o Partido Popular de Mondoñedo estase a facer eco das queixas das demandas dos residentes dunha das parroquias máis afastadas do centro local. Os veciños, segundo explican os populares, “xa remitiron en reiteradas ocasións escritos tanto á Deputación coma ao Concello para que mellorasen esta vía de comunicación, que presenta un aspecto terceiromundista”.

“A Deputación non está a atender ás peticións dos veciños xa que queremos que non se limite só a parchar a estrada ou a atender tramos soltos, senón que lle dean definitivamente aos residentes a posibilidade de contar cunha estrada en condicións óptimas que permitan garantir a seguridade viaria en todo o trazado”, matizaron dende o Partido Popular.

Os populares consideran que arranxar pequenos treitos e de forma moi espazada no tempo, implica que os residentes de Figueiras “non podan contar dende fai moitos anos cunha vía en condicións”, polo que, “rogamos que, dunha vez por todas, se realicen as obras de tal forma que se lle dea unha solución integral a esta estrada”, matizaron dende o Partido Popular de Mondoñedo.

Camiño de titularidade municipal

Os populares no seu rogo tamén lle piden ao Concello de Mondoñedo que realice os acometidos necesarios no camiño de titularidade municipal que enlaza coa LU-P-3108 no lugar do Rego (Mondoñedo) e que permite a comunicación con Estelo.

Dende o Partido Popular de Mondoñedo explican que esta vía municipal, que dá continuidade á estrada de titularidade provincial, presenta un “pésimo estado de conservación e mantemento con importantes socavóns”.

Parroquia afastada e con infraestruturas pésimas

Polo tanto, os populares reiteran que a parroquia de Figueiras é unha das máis afastadas do centro urbano mentres presenta infraestruturas pésimas para o seu acceso á localidade. “Urximos que as administracións responsables, -Concello e Deputación-, dean unha solución digna ao veciños”, concluíron dende o PP local