O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, José Manuel Balseiro, replicou hoxe ao voceiro socialista na Deputación, Manuel Martínez, que tanto el como o PSOE deberían aplicar o mesmo grao de esixencia á hora de reclamar dimisións. Así o asegurou hoxe o popular despois de que esta mañá Martínez reclamase a dimisión do alcalde de Guitiriz tras a sentenza sobre a obra da Rúa do Mercado.
“Despois do escoitado ao señor Martínez, supoñemos que mañá tanto este, como Besteiro e o PSOE sairán reclamando a dimisión da alcaldesa de Viveiro e dos edís socialistas que están a piques da apertura do xuízo oral e de ser procesados por presuntos graves delitos de prevaricación urbanística”, asegurou Balseiro.
O secretario xeral dos populares lucenses agarda que os socialistas actúen con coherencia e non demanden a outros partidos o que eles mesmos non son capaces de facer.
En todo caso, Balseiro matiza que mentres no conflito de Guitiriz estase a falar dunha cuestión administrativa, -onde ademais a sentenza é favorable aos intereses do Concello e deixa en evidencia á Deputación-, no caso de Viveiro o que se discute e se algúns edís socialistas puideron incorrer en responsabilidade penal ao outorgar licencias ilegais a través do silencio administrativo, sen dispoñer dos informes preceptivos.
Balseiro chama á reflexión aos socialistas e agarda que actúen con “coherencia e cun mínimo de criterio, sempre dende o máximo respecto á xustiza”.