Partido Popular de Lugo

Balseiro adianta que o equipo xurídico do PP de Lugo estuda recorrer a sentenza sobre a moción de censura no Valadouro

O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro, explicou hoxe que o equipo xurídico desta formación política estuda recorrer a sentenza que desestima, por inadmisión, a demanda de impugnación sobre moción de censura do Valadouro.

O dirixente popular lembra que o fallo do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo non é firme, nin definitivo, polo que pode ser recorrido en apelación, e mantén que existe fundamento xurídico para asegurar que a democracia non pode estar condicionada a un pacto de interese económico entre PSOE e Udival. Os populares respectan o pronunciamento xudicial, como non podería ser doutro xeito, pero non comparte o seu contido.

Por todo iso desde o PP confían en revocar o sentido da actual sentenza, na que, salientan o xulgado si recoñece como feito probado a existencia desta cláusula económica aínda que o xuíz, centrado nunha revisión dos requisitos formais e procedimentais da moción de censura, cualifica “xuridicamente indiferente” o pacto de 100.000  euros asinado entre o actual alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, e a tenente de alcalde de Udival, María José Fernández, antes da moción de censura que desaloxou ao PP da alcaldía.  Unha conclusión que non comparten desde o PP.

PELIGROSO PRECEDENTE ANTIDEMOCRÁTICO

Os populares  seguen dispostos a utilizar todos os mecanismos que existen nun Estado de Dereito para que a Xustiza determine se este tipo de artimañas son aceptables legalmente nas administracións, e moi en concreto, nas entidades locais. Sinalan que de autorizarse este comportamento, se abriría un gravísimo precedente para o funcionamento democrático dos concellos, xa que avalaría que os pactos de gobernabilidade non se baseen en coincidencias programáticas ou na defensa dos intereses dos seus veciños, senón que estarían condicionados por intereses exclusivamente económicos das forzas políticas que os asinen -isto é, evitar pagar a cláusula que penaliza a ruptura do pacto-.

O PARTIDO POPULAR RECUPERARÍA A ALCALDÍA

Balseiro tamén lembrou que, fronte á actitude triunfalista amosada polo bipartito os veciños censuran o comportamento do Equipo de goberno local ata o punto de que, extrapolando os datos das últimas eleccións europeas, o Partido Popular recuperaría con maioría absoluta a alcaldía do Valadouro. Sinala, finamente, que a veciñanza xa puido comprobar as liortas e desencontros que, na xestión diaria dos intereses municipais teñen ambas forzas políticas, que seguen unidas non pola defensa dos seus veciños senón por evitar ter que abonar os 100.000 euros que inclúe o pacto económico no que se baseou a moción de censura.