Partido Popular de Lugo

O GPP denuncia “incumprimentos e falta de rigor” da Deputación ante os requirimentos xudiciais

O Grupo Provincial do Partido Popular denuncia “incumprimentos e falta de rigor” do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, coa Xustiza, “quen tarda en respostar aos requirimentos xudiciais e inclusive envía informes que non se corresponden co solicitado”.

Así o puxeron de manifesto esta mañá os populares, tras ter coñecemento de que o Xulgado do Contencioso Administrativo nº2 Lugo se viu obrigado ata en tres ocasións a solicitarlle ao socialista o expedidente que motivou a interposición dun recurso (nº 155/2013) contra desestimación presunta de reclamación patrimonial por un accidente ocorrido na estrada LU-P-5903 (de Sober a Sada), a consecuencia da irrupción dun corzo na calzada.

Deste xeito, os populares critican a deixadez coa que Gómez Besteiro actúa ante os requirimentos xudiciais e explican que mentres a reclamación de responsabilidade patrimonial foi presentada o 13 de xullo de 2012; o 31 de xaneiro de 2014 o Xulgado acorda de novo “requirir directamente á autoridade ou persoal responsable da Administración autora do acto recurrido e, por terceira vez, a urxente remisión  do expediente  administrativo correspondente…”.

Falta de rigor no expediente de Ferreira a Currelos

Mentres Gómez Besteiro presume dunha administración transparente, os documentos amosan o contrario e soportan o “pouco compromiso”  e a “nula seriedade” que manifesta o ente provincial ante os escritos remitidos dende o Xulgados do Contencioso Administativo nº1 e nº 2 de Lugo.

Esta afirmación foi reiterada polos populares, que explican que a da estrada LU-P-5903 non é a única mostra da desatención da Deputación ante as peticións xudiciais. Dende o GPP lembran que en resposta ao requirimento de información do Xulgado do Contencioso nº1 de Lugo, sobre o procedemento relativo ao accidente na estrada LU-P-4102  (Ferreira a Currelos); Gómez Besteiro remitiu un expediente cun arquivo fotográfico distinto ao do lugar requirido, con informes sen datas e sen asinar, sendo advertidos polo xulgador de “que non lle dedicaran a atención que o asunto requiría”

Os populares lembran que a sentenza 201/2013 de 5 de xullo de 2013 estima que a administración provincial debe asumir as costas e indemnizar ao afectado do accidente, que tivo lugar o 2-1-2011, na estrada LU-P- 4102 de Ferreira a Currelos, ao seu paso polo concello de Saviñao, e debido ao “deplorable estado de conservación” da vía.

A referida sentenza recolle que a Deputación de Lugo aportou documentos fotográficos donde segundo expoñen dende a administración provincial, “non se observa bache ningún”. Pola contra, no informe Arena dos axentes da Garda Civil referenciase que as fotografías obrantes  ao folio 43 –as aportadas pola Deputación- do expediente non se corresponden co punto kilométrico onde tivo lugar o accidente, o 7,3.Deste xeito, o Xulgador di que “no caso que nos ocupa, quíxose resolver o caso sen adicarlle a atención que requería, máxime cando das fotografías ás que se fixo mención se desprende, non só a existencia dun bache na segunda delas á esquerda, senón que, ademais, se constata unha carretera en deplorable estado de conservación”.