Partido Popular de Lugo

O GPP reclama unha revisión das taxas que asumen concellos e particulares por obras que realizan ao carón das estradas provinciais

Lugo, 21 de marzo de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular levará ao próximo pleno provincial unha moción na que solicita a revisión das taxas que asumen tanto concellos como empresas ou  particulares pola realización de acometidos ao carón das estradas provinciais ou polo utilización e aproveitamento de bens de dominio público provincial.

En concreto, os populares piden a constitución dunha mesa de traballo para estudar futuras modificacións de dúas ordenanzas fiscais; a que regula as taxas por autorización de obras e outros aproveitamentos en zonas contiguas ás estradas provinciais; así como a que grava a utilización privativa ou o aproveitamento especial dos bens de dominio público provincial.

Os deputados provinciais do Partido Popular entenden necesaria  esta análise e actualización das referidas ordenanzas ao considerar que están obsoletas tras máis de 15 anos da súa aprobación e sen ter constancia, por parte dos populares, dunha revisión posterior.

Melloras en beneficio da administración local e dos veciños

A maiores, os populares pedirán esta revisión das normas que regulan as tarifas impostas por expedir autorizacións e realizar actos de utilización privativa ou aproveitamento de bens provinciais ao considerar que se lle poden aplicar novas melloras en beneficio tanto da administración local como dos propios particulares.

Estas ordenanzas gravan, en ocasións, importantes cargas económicas para as persoas físicas, xurídicas ou entidades, e o estudo, por exemplo, dunha posible actualización á baixa leva implícita unha mellora que de xeito indirecto repercutiría de forma moi positiva na economía local e particular.

As administracións públicas teñen o deber de articular todas as fórmulas posibles que velen polos intereses dos veciños e débense converter en verdadeiros entes colaboradores cos cidadáns, sen interpoñer barreiras, de aí a necesidade de estudar todas as melloras posibles nas súas ordenanzas.