Lugo, 03 de xaneiro de 2014.- Preguntado hoxe pola proposición da lei electoral do Grupo Parlamentario do PP de Galicia, o presidente do Partido Popular de Lugo, José Manuel Barreiro resaltou que a reforma garante a representatividade democrática da provincia de Lugo no Parlamento de Galicia.
En concreto, o popular explica que con esta proposición os lucenses non teñen ningunha perda de dereitos, ao tempo que insta a oposición a explicar con datos as declaracións que emitiron sobre esta diminución da democracia. “Se emiten estas opinións terano que evidenciar con datos que todos entendamos” e que se amosan imposibles xa que “o Parlamento galego segue a ser tan representativo con 61 como con 75 escanos”, ao que engade que Lugo segue a ter o mesmo peso en canto a representatividade democrática na cámara galega.
Polo tanto, segundo Barreiro estase ante unha proposta “simétrica, xusta e proporcionada”, coa que se permite “calar as voces dos que aseguraban que o Partido Popular buscaba obter beneficios electorais”.
Deste xeito e segundo Barreiro, esta proposta non altera a proporcionalidade do sistema actual que “non tería cambiado nin un só dos gobernos que tivo Galicia dende o inicio da democracia, nin sequera nos casos dos escrutinios máis axustados”.
O PP procurou que a proposta nacese co maior número de apoios
Xosé Manuel Barreiro tamén fixo fincapé en que a proposición que vén de ser rexistrada polo GPP nace tras a busca dun “traballo en conxunto insistente coas forzas da oposición” , que segundo o popular, “se negaron a falar en serio”.
Barreiro resaltou esta liña de consenso que seguiu o PP para darlle saída a proposta que veñen de rexistrar xa que pese a que puido ser aprobada na pasada lexislatura “decidiuse esperar para sometela a vontade popular a través do programa electoral”.
A maiores, o líder dos populares engade que unha vez tido o apoio nas urnas dos galegos, o Partido “seguiu esperando ata falar coas novas direccións da oposición que rexeitaron un traballo en conxunto”.
Na liña que prefire a sociedade
O PP con esta proposta está a seguir a liña que prefire a sociedade de “racionalización pública e de eficacia na xestión do gasto”. Barreiro considerable “razoable” que a cámara galega acompañe os esforzos que as diferentes administracións públicas están a promover na optimación do gasto rebaixando o número de deputados no Parlamento galego ao mínimo impar posible dentro dos límites fixados no Estado de Autonomía de Galicia.