Partido Popular de Lugo

A resolución do Plan de emprego promovido por Besteiro confirma as denuncias efectuadas polo Grupo Popular e a discriminación da maioría dos concellos da provincia

As denuncias efectuadas polo Partido Popular que alertaba sobre a discriminación na que incorre o Plan de emprego deseñado polo Goberno que preside José Ramón Gómez Besteiro veñen de confirmarse na súa totalidade logo de coñecerse a Resolución da Xunta de Goberno da Deputación na que exclúe a 55 dos 67 concellos da provincia e, deste xeito, deixa fóra da oportunidade  do proceso de selección das 80 prazas dispoñibles á inmensa maioría dos parados da provincia.

Desde o Grupo Provincial do Partido Popular a súa portavoz, Elena Candia explica que a Comisión de Valoración do Plan de emprego que aplicou as bases elaboradas polo bipartito so permite beneficiarse do Plan a 12 municipios, confirmando os datos dos que falaba o PP e lamentou que pese ás múltiples queixas recibidas desde todos os puntos da provincia e a indignación xerada entre a poboación PSOE e BNG non teñan rectificado e decidan poñer en marcha un plan que rouba os dereitos dos parados da provincia en función dos intereses partidistas de Besteiro e que exlúe aos parados en función do concello no que residan.

Os populares sosteñen que un plan de emprego financiado con cartos públicos debera chegar a todos os concellos da provincia sen exclusión e incluir unhas bases nas que, como fai a Xunta, se garanta a igualdade de oportunidades de todos os desempregados lucenses.

O BIPARTITO MENTIU ATA O ÚLTIMO MOMENTO

Elena Candia acusou tamén aos deputados do bipartito provincial de aproveitar as mentiras e medias verdades ata o último momento co fin de enganar aos lucenses.

Neste senso denunciou que o propio día 21, con ocasión da histórica concentración silenciosa promovida polo PP en denuncia dos aspectos discriminatorios deste plan de emprego, o portavoz socialista provincial, Manuel Martinez, fixo unhas declaracións -reflectidas nunha nota de prensa que pode ser consultada por cualquera- na que aseguraba que o plan beneficiaría a 24 concellos lucenses, a sabendas de que este dato era falso, xa que un día antes – o 20 de decembro- xa tiñan asinada a resolución que limitaba os concellos beneficiarios aos 12 definitivos, excluíndo ao resto.

«Pisotean os dereitos dos desempregados lucenses e minten sen rubor nin disimulo» -conclúe Candia- quen sinala que o Grupo Popular seguirá defendendo a necesidade dun plan de emprego que non discrimine a ningún concello e dea igualdade de oportunidades a todos os lucenses que se atopan sen emprego.