Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO GALEGO APROBA A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA APOIAR A CANDIDATURA DA RIBEIRA SACRA COMO PATRIMONIO DA HUMANIDADE

Santiago, 12 de novembro de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a proposta do Grupo Popular e coa única abstención de AGE, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a prestar todo o seu apoio e o asesoramento técnico preciso aos promotores da candidatura para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, así como para a posterior presentación da mesma ante os organismos e entidades competentes para que procedan ao seu análise e, no seu caso, á súa aprobación e declaración.

A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez salientou que se trata “dunha petición de país” e apuntou que “non debe ser entendido como unha demanda deste territorio en contraposición a outro lugares fermosos da xeografía galega, polo que debemos participar todos os galegos porque é patrimonio de todos nós”.

TRABALLAR PARA CONSEGUIR O RECOÑECEMENTO

“Esta candidatura non é algo gratuíto porque estamos ante un dos lugares máis esplendorosos de Europa, que debe ser preservado para as xeracións presentes e tamén futuras”, sinalou Julia Rodríguez. Por este motivo, apuntou que “non é suficiente con quedarnos na contemplación da súa beleza e debemos traballar para que este tesouro teña o recoñecemento que merece, como algo propio dos galegos e digno de ser preservado como patrimonio da humanidade”.

Na súa intervención, a deputada popular salientou o “variadísimo ecosistema e a paisaxe inesquecible deste enclave, digna da maior protección para o noso goce e das xeracións vindeiras”. Así mesmo, referiuse ao “importante patrimonio natural que o conforma, un dos mellores valores para a súa declaración como patrimonio da humanidade”.

Julia Rodríguez tamén mencionou o patrimonio arquitectónico presente na Ribeira Sacra, “merecedor de non menos protección que o paisaxístico e que presenta unha das mais importantes mostras de arte románico mesturado con restos castrexos”.

Así mesmo, a portavoz popular referiuse á produción vitivinícola en bancais “que acadou o recoñecemento de viticultura heroica e que produce uns caldos que gozan da singularidade pola súa forma de produción”.