Lugo 13 de novembro de 2013.- A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, censurou hoxe que tan só 137 dos 2.908 parados da comarca da Terra Chá poderán participar na selección do Plan de Emprego da Deputación de Lugo. Polo tanto, menos do 5% do total de desempregados destes municipios terán a posibilidade de aspirar a ter un posto de traballo a través desta oferta.
Esta exclusión directa dun 95% dos parados é froito dunha bases que “non se rexen por criterios obxectivos e que non optimizan os fondos públicos de todos os lucenses”. O Grupo Provincial do Partido Popular reivindica a igualdade de dereito de oportunidades entre os parados dos diferentes municipios e esixe un plan que non discrimine aos desempregados froito duns criterios cos que se procura, meramente, obter “beneficios persoais e políticos”.
Só un municipio da comarca poderá optar a participar no plan
Trala análise por municipios, a popular tacha de “criticable” a “discriminación” que se está a dar; xa que dos nove concellos que forman a comarca da Terra Chá, tan só un municipio (A Pastoriza) opta a participar no proceso de selección deste plan de emprego.
Polo tanto e segundo estas bases, preto do 90% das localidades da Terra Chá quedan excluídas directamente do plan de emprego da Deputación de Lugo. Muras, Xermade, Vilalba, Abadín, Guitiriz, Begonte, Cospeito e Castro de Rei, nin tan sequera terán a posibilidade de solicitar o plan para participar logo no proceso de selección.
Candia denuncia que esta situación estea a crear concellos de primeira e de segunda sen guiarse por criterios “lóxicos”. Tanto é así que existen municipios excluídos cunha maior porcentaxe de parados respecto á localidade que si poderá participar deste plan público de emprego.
O 92% da poboación excluída
Da análise por poboación excluída, apréciase que máis do 92% da poboación da Terra Chá non poderá optar ao proceso de selección deste plan de emprego. Neste senso, dende o GPP critican que o bipartito da Deputación de Lugo estea a crear cidadáns de primeira e de segunda, en función do municipio de residencia.
Dos 43.573 residentes de concellos da comarca chairega, só están incluídos no proceso de selección do plan 3.393, é dicir, un 7,79%. Estes datos levan á popular a tachar de “non ético” a situación que se está a dar e amosa a dispoñibilidade do seu grupo que solicitará unha pleno extraordinario para modificar este plan promovido por unha institución desde a que se están a destinar fondos públicos para favorecer só “a uns poucos” creando “discriminacións entre os parados”.