Lugo 12 de agosto de 2013. A presidenta e voceira do PP de Pol, María Ángeles Lenza, acompañada polo vicevoceiro dos populares polenses, Artemio Carballés, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa onde anunciou que o Grupo Municipal Popular polense vén de presentar unha moción, para o seu debate na sesión plenaria municipal, para esixir ao Equipo de Goberno a creación dunha Comisión tripartita formada por edís de tódalas forzas políticas con representación municipal encargada de avaliar, revisar, corrixir e garantir a participación e o consenso no contido do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
“Promover a participación pública e ampliar os espazos de consenso no contido do PXOM, activando unha comisión na que estean presentes os tres grupos municipais, asesorados polos técnicos que se estimen convintes, que realizará unha corrección integral do documento e que convocará todas as xuntanzas que se estimen necesarias cos veciños de xeito que alimenten coas súas propostas o novo documento é o obxectivo”- manifestou a popular.
María Ángeles Lenza afirmou que a realidade demostra que as grandes iniciativas á marxe dunha correcta planificación e nas que se exclúe a posibilidade de consenso corren o risco de fracasar polo que “non queremos que o Plan Xeral acabe converténdose nun proxecto fracasado pola irresponsabilidade e soberbia política do Equipo de Goberno”- manifestou.
A popular dixo ser consciente da necesidade dun Plan Xeral en Pol e lembrou que foi o anterior Equipo de goberno popular quen impulsou a súa redacción.
“A saída da crise será máis difícil si non somos capaces de xerar oportunidades para novas actividades e vivendas máis accesibles, así como ordenar as posibilidades urbanísticas co máximo respecto as limitacións urbanísticas, ambientais e sociais”- aseverou Lenza López, quen se mostrou convencida de que o prezo de vivendas e locais de negocio é un factor de expulsión da poboación nova e activa do concello de Pol.
“Temos que decidir entre todos o Pol que queremos para o futuro e xerar novas oportunidades”- manifestou a popular, quen engadeu que este concello conta con menos empresas por habitante que outros municipios próximos polo que é necesario cambiar este modelo.
Lenza López lembrou o equívoco estratéxico protagonizado polo Equipo de Goberno local, cando no último pleno, acordou non atender ás suxerencias e propostas realizadas polo Grupo Municipal Popular que “servirían para enriquecer o texto final e advertir determinados erros detectados na súa redacción”.
“Erros de importancia que nalgúns casos son simples repeticións de parágrafos e noutros -máis graves- a omisión de determinados aspectos que poderían dar lugar ao rexeitamento do Plan unha vez sexa informado e analizado polas distintas administracións implicadas na aprobación deste texto”- manifestou.
Concluíu a popular defendendo a petición xusta e constructiva do seu partido polo que agarda que o rexedor non peche as portas a esta petición e acepte a creación desta comisión tripartita para que entre todos se redacte un PXOM de consenso máis acorde coa realidade municipal.