Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que a falta da axuda da Deputación obrigou a Monterroso a subir o custo do servizo de axuda a domicilio

Monterroso 9 de agosto de 2013. A voceira do PP en Monterroso, Pilar Varela, denunciou esta mañá que a falta de axuda da Deputación obrigou a subir o custo do servizo municipal de axuda  a domicilio.

A popular afirmou que a negativa do bipartito provincial a asumir o que por lei lle corresponde no financiamento deste servizo repercutirá nun incremento das aportacións que os seus e usuarios teñen que realizar.

“Consideramos inxusto que sexan os veciños os  que se vexan prexudicados por unha decisión arbitraria, inxustificada e insensible da Deputación de Lugo que se amosa insumisa á hora de asumir as súas obrigas en materia de financiamento dos servizos sociais”- manifestou a popular, quen lembrou que o mesmo bipartito provincial que nega a totalidade da axuda que lle corresponde aos concellos para sufragar o custe deste servizo tan básico non ten problemas en subvencionar outro tipo de gastos como paseos en helicópteros, axudas a fundacións vinculadas ao BNG ou anuncios publicitarios.

PLENO MUNICIPAL

A popular lembrou que o seu partido abstívose no debate do incremento desta taxa na sesión plenaria municipal e lembrou que tanto a Lei de Servizos Sociais aprobada polo bipartito en 2008 como o decreto que a desenvolve de 2012 establece a obriga das Deputacións de financiar o custe do Servizo Básico de Axuda non Fogar, naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

Manifestou Pilar Varela que a Deputación de Lugo é a única das galegas que se nega a colaborar cos concellos achegando a totalidade dos recursos suficientes para sufragar a parte que lle corresponde por Lei e a cooperar co mantemento deste servizo de tanta importancia para as persoas maiores e dependentes.