Partido Popular de Lugo

O PP de Pol detecta importantes erros no PXOM que nace sen vontade de consenso

O Grupo Municipal do Partido Popular de Pol detectou importantes “erros, omisións e deficiencias” no documento que presentou o equipo de goberno no último pleno de cara á aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Os populares decidiron absterse na votación deste punto logo de que o rexedor socialista, Lino Rodríguez, fixera oídos xordos ás súas peticións resumidas nun documento que o Grupo Municipal Popular vén de presentar no rexistro de entrada do concello, trala negativa do propio alcalde a recoller unha copia na sesión plenaria celebrada no día de onte.

Desde o PP ademais de alertar sobre estes erros lamentan a nula vontade de consenso e diálogo do alcalde, que nin tan sequera quixo atender ás advertencias do PP en relación coa relevancia dos erros detectados e tampouco quixo coñecer as propostas realizadas polos populares para mellorar este proxecto.

O Grupo Municipal Popular alerta sobre a posibilidade de que na tramitación do principal instrumento urbanístico do concello poida facerse realidade o dito de que “o que mal empeza, mal acaba” e, polo tanto, que a intransixencia e mínima rigorosidade do alcalde, faga que os socialistas redacten un plan condenado ao fracaso.

MULTIPLES DEFICIENCIAS

Entre as deficiencias detectadas  o Grupo Municipal Popular fai mención á ausencia de determinados núcleos de poboación, á repetición dúas, tres e ata catro veces dalgúns dos textos (como si a vontade final do alcalde fora engrosar o tomo final do expediente, sen importarlle o contido) ou anomalías nos solos de núcleo rural (onde se favorecen descaradamente a certos veciños fronte a outros, ou inclúen algúns con superficie excesiva e outros con superficie ridícula)

O documento chega incluso a propoñer a creación de solo industrial no mesmo espazo (enriba dunha conca hidrográfica) onde o Grupo de goberno construíu fai tempo unha área recreativa. Os populares tamén cuestionan as figuras de protección incluídas na proposta do goberno e botan en falta outras zonas que terían maior importancia como certos humedais.

Alertan tamén de que se contemplan actuacións urbanísticas en solos pertencentes a comunidades de montes sen o consentemento das Xuntas Reitoras ou erros na situación dos xacementos catalogados que nos planos se atopan moi lonxe do seu emprazamento real

CORRECCIÓN INTEGRAL

Os populares solicitaron sen éxito no último pleno que o documento do PXOM se deixara sobre a mesa (non fora sometido a votación) para poder consensuar o seu contido cos tres Grupos Municipais, asesorados polos técnicos que se estimaran convenientes, “realizando unha corrección integran do documento actual do Plan, así como todas as xuntanzas que foran necesarias con veciños”

O Plan Xeral é o documento onde se recolle como quere ser un municipio no futuro e que accións debe emprender para conseguilo e por iso desde o Grupo Municipal insisten en que este debe ser un instrumento de consenso. Din tamén que non están en contra da súa aprobación, xa que o consideran imprescindible para o desenvolvemento presente e futuro do concello pero por iso esixen que se faga sen sectarismo e desde o máximo rigor e defensa dos intereses veciñais.