O PP de Riotorto, a través do seu presidente local, Clemente Iglesias, anuncia que vén de presentar unha iniciativa plenaria para o seu debate na próxima sesión e que ten por obxecto o incentivo de postos de traballo no municipio a través da colaboración da administración local.
Dunha maneira máis concreta, os populares instan ao equipo de goberno municipal e polo tanto ao seu responsable, o nacionalista Federico Gutiérrez Estoa, a que dote de maneira urxente ao Concello dun plan de emprego municipal que facilite a incorporación socio-laboral das veciños e veciños en situación de paro.
Clemente Iglesias argumenta que como “todos sabemos o desemprego é unha das situacións que maior preocupación provoca no conxunto da sociedade, e de seguro tamén, entre as veciñas e veciños de Riortorto”, que segundo, o popular se atopan ao fronte cun goberno que “precisamente non se caracteriza por apostar polo fomento do emprego entre os residentes”.
Deste xeito, segundo o presidente local, para loitar contra esta lacra “todas as administracións temos a responsabilidades de impulsar distintas políticas e iniciativas que contríbúan a xerar novas oportunidades de emprego”. Con este fin, o PP de Riotorto na súa moción concreta que o plan de emprego que propoñen debe incluír, como mínimo, apoios que van dende a contratación directa do persoal, ata incentivos á contratación por parte de empresas e autónomos de persoas empadroadas no municipio.
Un goberno que se esquece dos vecinos
Clemente Iglesias lamenta que en concreto o Concello de Riotorto non solicitara á Xunta de Galicia un obradoiro de emprego, cualificando como de “censurable que un rexedor perda esta oportunidade”, polo que consideran “necesario que o nacionalista se implique a amose unha maior preocupación polos veciños, cumprindo coas súas responsabilidades de goberno”.
Os populares aseguran que o seu grupo se fixo eco das críticas trasladadas por residentes de Riotorto trala contratación de persoal para a brigada de incendios e para o mantemento e vixianza das piscinas. Asi, segundo pon de manifesto o propio Clemente Iglesias, “contratouse xente que nin tan sequera estaba empadroada no concello e quedaron excluídos os propios veciños, algúns deles con acreditada experiencia na área”. Os populares denuncian que non existisen unhas bases de selección máis determinadas e que fomentasen a contratación dos propios veciños que se están a ver afectados polo paro.
“Todos temos que arrimar o ombro”
Clemente Iglesias considera que a administración local “ten o deber de arrimar o ombro” e levar a cabo accións que permitan “darlle oportunidades aos propios veciños en situación de necesidade”. O popular reincide ao asegurar que a loita contra esta lacra “é unha responsabilidade compartida, e o concello tamén ten capacidade para impulsar, ao igual que o están a facer outras administracións locais, un plan de emprego municipal”.
O presidente popular conclúe ao asegurar que non “chegaría a entender” que o rexedor de Riotorto fose quen de votar en contra dunha iniciativa que propón o fomento de postos de traballo no municipio, para facilitar a incorporación socio-laboral das veciños e veciños en situación de paro.