Partido Popular de Lugo

O PP levará aos tribunais o acordo plenario da moción de censura no Valadouro prevista para o próximo martes

O Valadouro, 1 de xuño de 2013.- O Partido Popular levará ante os tribunais de xustiza o acordo plenario da moción de censura do Valadouro que ten previsto adoptarse o vindeiro martes co previsible apoio de PSOE, Udival e BNG. Os populares entenden que deben asumir a responsabilidade de que se empreguen todos os mecanismos existentes nun Estado de Dereito para que se determine se este tipo de artimañas son validas para a xustiza. Aclaran tamén que a impugnación xudicial é de índole estritamente administrativa e non penal.

O Partido Popular non só cuestiona a validez da cláusula -que xa coñecemos- pola que as futuras forzas do bipartito se comprometen a indemnizarse mutuamente con 100.000 euros en caso de ruptura do pacto de goberno, senón que incluso consideran xuridicamente relevante outros aspectos coñecidos no pacto.

DIVERSA XURISPRUDENCIA

A tese defendida polo PP ten o seu aval en múltiples pronunciamentos doutrinais e diversa xurisprudencia. Expertos e sentenzas coinciden en considerar que estamos ante un suposto evidente de voto condicionado dos concelleiros -e polo tanto de infracción do principio de representación política que se basea na necesidade de que os edis presten a súa vontade de forma libre, non distorsionada e imparcial.

De calquera xeito, desde o Partido Popular insisten que á marxe da consideración xurídica desta cuestión que viría determinada polo que poidan dicir os xuíces unha vez analizados os feitos, o de Valadouro é un pacto inédito do que no constan precedentes pero que, parece evidente que aplicando o sentido común e os principios democráticos e de transparencias propios de calquera administración pública pode deducirse que este tipo actuacións non poden estar ben.