Santiago, 14 de novembro de 2012.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, comunicou esta mesma mañá ao deputado electo por Lugo Jose Manuel Balseiro Orol que volverá a ser proposto como Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, unha responsabilidade que ostentará ao longo da nova lexislatura e que xa desenvolveu nos pasados catro anos.
Alberto Núñez Feijóo adoptou a devandita decisión, unha vez escoitados oralmente e por escrito, as opinións dos deputados electos populares, aos presidentes provinciais e ao secretario xeral do partido. Ao mesmo tempo a designación do deputado popular para esta responsabilidade -a terceira institución en importancia da autonomía- supón unha mostra do apoio e de confianza do líder dos populares galegos nas tarefas desenvolvidas ata o momento por Jose Manuel Balseiro
ELECCIÓN O VENRES 16 DE NOVEMBRO
Con estes primeiros nomeamentos queda pechada a proposta da Mesa do Grupo Parlamentario Popular que será votada, o vindeiro venres 16 de novembro, na sesión constitutiva da Cámara galega. A presidencia recairá na deputada popular Pilar Rojo, a vicepresidencia no deputado Miguel Santalices e a secretaría corresponderá a Jose Manuel Balseiro
AGRADECEMENTO
José Manuel Balseiro dixo hoxe estar «moi satisfeito e orgulloso» despois de coñecer a proposta do seu nomeamento, e, por iso, agradeceu a «confianza» do presidente Alberto Núñez Feijóo e do conxunto dos seus compañeiros.
Ademais, Balseiro expresou a súa intención de traballar arreo na defensa dos intereses de Galicia e o seu desexo de estar «á altura das circunstancias».
Con todo, expuxo que primeiro terá que tomar posesión para, posteriormente, poñerse «a disposición» da presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e do resto dos seus compañeiros no órgano rector da Cámara galega.
DEPUTADO DA MARIÑA LUCENSE
José Manuel Balseiro naceu en Ferreira de Valadouro, en 1962 e na actualidade reside en Cervo, onde ostenta o posto de Primeiro Tenente de Alcalde desde 1999 e a responsable da portavocía do PP en Cervo, funcións que compaxina coas de deputado e polas que non percibe ningún tipo de remuneración económica polo Concello
Forma parte da Executiva popular galega, do Comité de Dirección do Partido Popular de Galicia e é Secretario Xeral do PP de Lugo.
Balseiro é deputado no Parlamento de Galicia dende 2005 e nas dúas últimas lexislaturas foi Voceiro do Mar do Grupo Popular, membro da Deputación permanente e da Comisión do Regulamento.