Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR AVOGA POR INCLUÍR A SERRA DO GALIÑEIRO NA AMPLIACIÓN DA REDE NATURA 2000 SÓ SE ASÍ SE SUBSANAN AS INSUFICIENCIAS DE HÁBITATS E ESPECIES SINALADAS POLA UNIÓN EUROPEA

Santiago, 1 de xuño de 2011.- O Grupo Popular defendeu hoxe, na comisión de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, que a decisión de incluír a Serra do Galiñeiro na ampliación da Rede Natura 2000 só se adopten no caso de que así se subsanen as insuficiencias de hábitats e especies sinaladas pola Unión Europea. No debate dunha iniciativa dos socialistas, estes rexeitaron unha emenda presentada pola deputada popular Emma Álvarez Chao nese sentido. 

A emenda instaba á Xunta a estudiar as características xeolóxicas, medioambientais, paisaxísticas e da fauna da Serra do Galiñeiro co fin de estimar se cumpren os criterios de protección establecidos nos anexos das directivas europeas de Aves e de Hábitats, así como se coa incorporación deste espazo se subsanan as insuficiencias sinaladas nas Decisións da Comisión da UE, que fan referencia preferentemente á representación dalgúns tipos de hábitats e especies. “E, no caso de ser así, proceder a incluír a Serra do Galiñeiro dentro da zona de ampliación da Rede Natura 2000”, indicou a deputada na súa intervención.

Emma Álvarez lembrou que o anexo III da Directiva Hábitats, que establece os criterios para a selección dos lugares de importancia comunitaria (LIC) “non contempla outros criterios que non sexan os científicos para a designación de lugares de interese comunitario”. Por esta razón, o Grupo Popular considera que “non procede unha iniciativa parlamentaria para instar ao Goberno da Xunta á inclusión dun espazo na rede Natura 2000 por vontade do Parlamento galego”.

O BIPARTITO NON A INCLUÍU NA SÚA PROPOSTA.- A deputada explicou que o proceso de ampliación da Rede que está en marcha pretende subsanar as insuficiencias sinaladas pola Comisión da UE, polo que “a nosa emenda se axeita máis a realidade que un imperativo deste Parlamento sen ter en conta as insuficiencias e os criterios esixidos pola Unión Europea”.

Para Álvarez Chao, o interese actual dos socialistas pola inclusión dese espazo “non semella deberse aos valores naturais da flora e fauna”, senón que só persegue impedir a instalación dun parque eólico no mesmo. Así mesmo, a parlamentaria do PPdeG lembrou que “curiosamente, na etapa do Bipartito, non se tivo en conta a Serra do Galiñeiro dentro da ampliación de Rede Natura por parte dos responsables de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, xestionada polo Grupo Socialista, no plano presentado en 2007 ante o Consello Galego de Medio Ambiente”.