Partido Popular de Lugo

EMMA ÁLVAREZ PIDE Á XUNTA UN ESTUDO DE VIABILIDADE PARA A REMODELACIÓN INTEGRAL DO CENTRO DE SAÚDE DE LOURENZÁ

Santiago, 1 de marzo de 2011.- A deputada e concelleira en Lourenzá do PPdeG Emma Álvarez Chao ven de rexistrar no Parlamento galego unha iniciativa pola que insta á Xunta a facer un estudio de viabilidade para a remodelación integral do centro de saúde de Lourenzá. A proposición non de lei ten como obxectivo proceder á adaptación do ambulatorio para mellorar o seu funcionamento en 2012.

A parlamentaria salienta que o centro “quedouse anticuado” e precisa ser adaptado ás novas necesidades e ás esixencias legais en relación co traballo dos facultativos “pero tamén ás relacionadas cos doentes”.

O centro de saúde de Lourenzá foi construído en 1980 e inicialmente contaba cun sector asistencial –con zona de urxencias e zona de consulta- e un sector administrativo. En 1999, foi acondicionado gracias á unha subvención da entón Consellería de Sanidade e Servizos Sociais da Xunta, reforma que se centrou na reparación e acondiiconamento do hall de entrada.

Posteriormente, fixéronse diversas adaptacións para ir adecuando o centro ás necesidades do persoal que desempeña nel o seu traballo e dos pacientes usuarios do mesmo. Porén, Álvarez Chao considera que é preciso facer unha remodelación para unha nova adaptación ás actuais necesidades, que mellore o funcionamento do centro, facilitando o labor dos médicos e persoal que traballan no mesmo, así como a atención aos pacientes.