Partido Popular de Lugo

O PPDEG REITERA QUE NO BNG SEGUEN A MENTIR A SABENDAS EN RELACIÓN CO CANON DA AUGA, COA FALSA OBRIGATORIEDADE DE INSTALAR CONTADORES E CO COBRO DE TRAÍDAS E POZOS PARTICULARES NA NOVA LE DE AUGAS

Viveiro, 2 de marzo de 2011.- Os deputados do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Emma Álvarez Chao e Jose Manuel Balseiro Orol insistiron en que os nacionalistas sempre recorren ás mesmas estratexias: manipulación da realidade, alarmismo social e mentiras deliberadas, neste caso aplicadas á falsa interpretación que eles fan do canon da auga.

Os parlamentarios lembran que a nova Lei de augas recolle expresamente beneficios na xestión da auga no noso territorio, sobre todo no medio rural. Eximindo na práctica do pago do canon de feito expreso aos usos domésticos con captacións propias e aos usos agrícolas, gandeiros e forestais. Esta situación contraponse radicalmente co que están a difundir socialistas e nacionalistas en diversas charlas organizadas polos núcleos rurais da comarca.

Balseiro Orol e Álvarez Chao insisten en que o propio Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, ten explicado que o cobro a traídas particulares e pozos é antieconómico xa que está bonificado nun 90% –isto é, resulta máis caro efectuar as comprobacións necesarias para o cobro que o beneficio que a administración obtén polo mesmo- e, en consecuencia, na práctica non se efectuará ningún  tipo de pago, nin como  é lóxico,  obrigarase a ninguén á instalación de contadores.

Os parlamentarios tamén deron conta doutros beneficios introducidos pola nova Lei de auga como son as bonificacións para as familias numerosas ou o pago en función do grado de consumo, polo que abonarán un maior importe aqueles que maior uso individual fagan da auga, o que é máis xusto e equitativo.

Os populares emprazan aos nacionalistas a que abandonen a súa política do panfleto contando mentiras a todos os veciños e intentando enganalos e amosan o seu total convencemento de que nin as altas doses de hipocrisía política aderezadas con altas doses de irresponsabilidade servirán para que PSOE e BNG poidan recuperarse das lentas dixestións que lle producen as victorias  electorais do Partido Popular e a xestión eficaz, austera e comprometida con Galicia que desenvolve o Goberno que preside Alberto Núñez Feijoo.