Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA MINIMIZAR OS DANOS DOS XABARÍS NA AGRICULTURA

Santiago, 4 de marzo de 2010.- A Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, do Parlamento galego aprobou hoxe unha iniciativa presentada polo Grupo Popular dirixida a minimizar os danos que os xabarís producen na agricultura. A deputada popular Emma Álvarez Chao, que defendeu a proposición non de lei, destacou que os danos producidos aos cultivos agrícolas pola fauna cinexética “aumenta ano tras ano” e, entre esas especies, “o xabaril é a maior ameaza para o agro galego, que acarrea cuantiosas perdas e que crea incertidume e impotencia nos agricultores”.

Emma Álvarez salientou a necesidade de controlar as poboacións desta especie e desbloquear zonas de caza restrinxidas na actualidade que son de interese agrario e que actúan como refuxios de camadas. “Hoxe por hoxe, a única alternativa para combater estes danos son as medidas cinexéticas coas restricións que estas teñen”, apuntou a parlamentaria, quen lembrou que a Consellería de Medio  Rural colabora tanto coa Federación Galega de Caza como con asociacións de produtores de caza para minimizar os danos causados pola fauna e, doutra banda, para tratar de que a achega económica global para as axudas “non teña que medrar ano tras ano”.

Froito desta colaboración, explicou Álvarez, existe un estudio que, entre outras cousas, reflicte que os maiores danos prodúcense sempre nos mesmos concellos, concentrándose o 50% dos danos en 25 municipios. Así mesmo, o informe indica un incremento das solicitudes de indemnizacións por danos e, por outro lado, un notable incumprimento dos plans cinexéticos, polo que, “para achegar as axudas á realidade dos danos, caben dúas vías” como son “aumentar os recursos ata cubrir a totalidade do dano ou diminuír este de xeito que a axuda actual sexa suficiente”.

COLABORACIÓN ENTRE CAZADORES E SOCIEDADES DE CAZA.- Dúas vías que poden complementarse, aínda que para a deputada popular habería que prestar “especial atención á diminución do dano” e dedicar os maiores esforzos a “aquelo que axude a minoralos”, a través da colaboración entre cazadores e sociedades de caza con dificultades para acadar as capturas establecidas no plan de xestión cinexética do TECOR.

Na proposición non de lei, que conta co beneplácito da Unión de Tecores de Galicia (UNITEGA), ínstase á Xunta a publicar á maior brevidade posible a orde de axudas do presente ano para paliar os danos do xabaril, cun orzamento mínimo de 250.000 euros. Así mesmo, e ademais de realizar o control da poboación de xabarís que habitan en zonas de especial interese agrario, coa colaboración das Sociedades de caza de Galicia e de estudar o desbloqueo de zonas de caza restrixindas na actualidade que son de interese agrario, a iniciativa propón crear un plan de actuacións específicas con medidas concretas encamiñadas a minimizar os danos provocados polos xabarís nas colleitas, facendo partícipes aos sindicatos agrarios, aos representantes dos cazadores e aos grupos conservacionistas.