Partido Popular de Lugo

A XUNTA COMPROMÉTESE EN SEDE PARLAMENTARIA A RESTABLECER O SERVIZO DE AUTOPSIAS NOS HOSPITAIS DE BURELA E MONFORTE

Santiago, 5 de marzo de 2010.- O novo Goberno de Galicia comprometeuse en sede parlamentaria a restablecer o servizo de autopsias nos hospitais de Burela e Monforte.  Así o explicou o director xeral de Xustiza, Juan Jose Martín Álvarez,  en resposta a unha iniciativa do deputado Dámaso López, que foi obxecto de análise na mañá de hoxe na Comisión de Sanidade da Cámara galega.

Desde o Grupo Popular afirman que esta  petición vén a demostrar que no PPdeG “sempre mantivemos o  mesmo discurso”, antes na oposición e agora  desde as  responsabilidades de Goberno. “Nós sempre fomos favorables á descentralización da práctica de  exames forenses, por entender que a situación contraria provocaba prexuízos ás familias e  demoras innecesarias”-explicou Dámaso López.

BOLSA DE EMPREGO PARA A COBERTURA DE VACANTES.- Os populares consideran moi relevante unha das medidas  postas en marcha pola Xunta para corrixir esta situación “agora e no futuro”, isto é, a creación dunha bolsa de emprego para a cobertura con médicos interinos das prazas vacantes nos centros hospitalarios lucenses. “Todo iso despois de que estas listas de contratación levasen oito anos baleiras”. De feito, nos hospitais de Burela e Monforte deixaron de realizarse autopsias despois de que os titulares das prazas de medicina legal decidiran darse de baixa no servizo, -tras aprobar o MIR- obrigando  á centralización destes exames na capital. En todo caso, e para evitar demoras prolongadas, os responsables actuais do Instituto de Medicina Legal de Galicia decidiron ampliar, tras varios contactos co deputado popular, o horario  de práctica  das  autopsias á tarde, algo extraordinario no conxunto do territorio nacional.

DESCENTRALIZACIÓN DO CONCURSO DE TRASLADOS.- Segundo a explicación  ofrecida pola Xunta, estímase que no mes de abril ou maio poda rematar a centralización do servizo en Lugo. Dámaso López felicitase por esta decisión e subliña a coherencia do Partido Popular neste asunto “que criticou a centralización de autopsias cando a levou a cabo o bipartito, e mantén a súa crítica e petición de solucións agora, neste momento, forzando á Xunta a habilitar os mecanismos necesarios para corrixir esta deficiencia”.

SERVIZO DE TRANSPORTE.- En todo caso esta non é a única boa nova ofrecida polo director xeral de Xustiza en resposta a preguntas do Partido Popular, pois tamén adiantou que o Goberno galego promoverá a “comarcalización” do concurso de traslados  de cadáveres, que o bipartito centralizou en Lugo. De tal xeito que  procederase a dividir a provincia en  tres áreas -norte, centro e sur-, e as distintas funerarias poderán presentarse  a este concurso en  cada  unha delas. Unha petición que tamén  defendeu o Partido Popular ao longo da pasada lexislatura e  que redundará nunha mellora  do servizo e nunha rebaixa  dos custes e do tempo no transporte.