Lugo, 21 de xaneiro de 2010.- O Presidente da xunta local do PP de Lugo, Jaime Castiñeira, mantivo hoxe un encontro cos responsables dos seis distritos do concello de Lugo. No encontro, participou o Presidente Provincial do PP, José Manuel Barreiro, así como os concelleiros do Grupo Municipal.
Castiñeira explicou que o obxectivo desta xuntanza é preparar a axenda de traballo de cara ás eleccións municipais que terán lugar na primavera de 2011. “Esa é a prioridade que nos marcamos para os próximos meses e por iso arrancamos o calendario de reunións cos responsables dos cinco distritos da cidade e do distrito rural”.
A vindeira semana levarase a cabo unha sesión de traballo na que participarán os presidentes das distintas comisións que se crearon no seo da xunta local e que abarcan os ámbitos de tráfico e transporte, turismo, novas tecnoloxías, comercio e industria, sanidade, educación e sénior.
Jaime Castiñeira recalcou que se volcará para “poñer a punto” a engranaxe do partido de cara á vindeira cita electoral e na reunión de hoxe propuxo que en cada sección haxa un coordinador que se responsabilizará de incrementar ao traballo a pé de rúa.