Lugo, a 20 de xaneiro de 2010.- O Grupo provincial do Partido Popular retou ó Presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro a que detalle as accións concretas que se levaron a cabo ata o momento por parte do bigoberno provincial para promover a creación de emprego na provincia.
Dende o GPPP indicaron que o investimento do Plano de Emprego Provincial para 2010, para o conxunto da provincia, é de 295.194’43 euros, que se adicarán a “premios, becas e pensións de estudantes e investigadores”, segundo consta literalmente nos orzamentos do indicado plano de emprego. Non se recolle, por tanto, ningunha acción concreta para a creación de novos postos de traballo ou para o mantemento dos existentes.
Suliñan ademais que os 475.254 euros que se consignan a gastos diversos, é dicir, a financiar accións de propaganda e publicidade, poderían perfectamente destinarse a axudas para a contención do desemprego en sectores en situación manifesta de crise.
Ante esta situación, o GPPP tachou de cínica a actitude de Gómez Besteiro que, pese a non facer nada polo emprego nin polos sectores productivos da provincia, usou a súa participación nun foro sindical celebrado na comarca da Mariña para facerse autopropaganda e autobombo co plano de emprego provincial.
Porque os datos, segundo os populares, desminten o dito polo Presidente da Deputación nese foro: ó plano provincial polo emprego quédanlle dous anos de vida, o presente 2010 e 2011, e para 2011, cando os índices de paro van seguir sendo elevados, o investimento en premios e becas será de 144.597,22 euros, mentres que “outros gastos diversos” terán unha partida de 237.627 euros. Esto demostra, segundo os populares, que o bipartito provincial usou o plano de emprego cun afán desmedido de propaganda.