Partido Popular de Lugo

O Partido Popular denuncia que a Deputación descuida obrigas de limpeza e mantemento

Lugo, a 23 de xullo de 2009.- O Partido Popular denunciou hoxe que a Deputación esquece obrigas de limpeza e mantemento en zonas da cidade de Lugo, que din moi pouco do compromiso do ente provincial cos veciños da capital, e ó mesmo tempo reflexan falla de interese por parte do Goberno local.

A concelleira popular Teresa Tabeada e o portavoz adxunto do Grupo Provincial Popular José María González Barcia desprazáronse á Rúa Monte Picato, para denunciar o estado no que se atopa o muro da finca do Hospital de Santa María. Alí, advertiron que o muro presenta abondosa vexetación e lembraron que este estado, en anos anteriores, fora denunciado polo mesmo grupo político que agora goberna a Deputación.

Barcia dixo que a imaxe que Besteiro traslada á cidadanía a través dos medios de comunicación non se corresponde coa realidade, e o estado do muro así o indica. O portavoz dos populares na Deputación tamén indicou que na estrada de Ombreiro, de competencia provincial, hai bancos de pedra derrubados por gamberros ou accidentes de coches que levan así meses, e mesmo pedras das balaustradas da marxe esquerda da indicada estrada que levan moito tempo tamen arrincadas, o que entrana riscos para a seguridade de peóns e vehículos.

Pola súa banda, Teresa Taboada pediulle ó Concello que lle esixa á Deputación máis implicación no cuidado e mantemento destas zonas, moi usadas e transitadas polos veciños da cidade. 

A concelleira indicou que o Presidente da Deputacion é membro do grupo de goberno do Concello de Lugo, polo que debería actuar con certa sensibilidade  e  decatarse de que a imaxe que se transmite con esa deixadez repercute negativamente.

Os dous representantes do PP agardan que estas actuacións, que non representan un custo económico importante, pero deixan ben ás claras cal é a capacidade de traballo dos socialistas, se leven a cabo canto antes e teñan continuidade para que non se repita esta situación.