Partido Popular de Lugo

O GPPP, en Augasmestas: “de quen é a culpa, Sr. Besteiro?”

Lugo, a 8 de xuño de 2009.- Os deputados provinciais José Manuel Arias Fernández e José María González Barcia, xunto co alcalde de Quiroga Julio Álvarez, visitaron hoxe as instalacións da Deputación en Augasmestas, e ante a situación de abandono que presentan, fixéronse a seguinte pregunta: “de quén é a culpa desta situación, Sr. Besteiro?”, para que o Presidente da Deputación poida aclarar os motivos de por que se chegou a este nivel de deixadez de responsabilidades á hora de cuidar o patrimonio provincial.

Para os populares é preocupante a ineficacia do Presidente da administración provincial para protexer o patrimonio provincial que é, segundo salientan, de todos os cidadáns da provincia, e alertan de que Besteiro está a incumplir as súas obrigas, que veñen marcadas na lexislación vixente, e que dese incumplimento se poden deribar responsabilidades legais.

Os populares manifestaron que “a Deputación investiu en Augasmestas, a través de dous proxectos, máis de 158 millóns das antigas pesetas,  ós que hai que sumar outros quince millóns de pesetas en distinto mobiliario”. Eses proxectos, segundo explicaron, foran incluidos no seu día nun convenio subscrito polo anterior equipo de goberno da Deputación coa Consellería de Ordenación do Territorio  en marzo de 1996, e que supoñía un investimento por parte da Xunta de 308 millóns das antigas pesetas en actuacións en instalacións náutico-deportivas e turísticas, entre as que se incluía a de Augasmestas.

Agora, logo de dous anos de bigoberno provincial, a instalación quiroguesa, que estaba chamada a ser un referente no sur da provincia, presentan un estado de total abandono: xa non é que falte o mobiliario, é que as propias instalación do camping ou os bungalows están nun estado lamentable.

Para os populares, se esto é grave, máis grave é a inacción do Presidente Gómez Besteiro, que se adica a decir que el non é responsable da perda ou da merma do patrimonio da Deputación.

Os representantes populares pedíronlle ó bigoberno provincial que poña fin a esta situación, e que proceda a planificar investimentos para recuperar estas instalacións.