Partido Popular de Lugo

O PPdeG VALORA MOI POSITIVAMENTE OS PRIMEIROS PASOS DADOS POLO NOVO GOBERNO DA XUNTA NESTES DOUS MESES PARA RACHAR CO ESQUECEMENTO AO QUE O BIPARTITO SOMETEU Á MARIÑA LUCENSE DURANTE MÁIS DE TRES ANOS

Xove, 7 de xullo de 2009.- O Partido Popular de Galicia valorou hoxe moi positivamente os primeiros pasos dados polo novo Goberno da Xunta nestes pouco máis de dous meses desde a súa toma de posesión para rachar co esquecemento ao que o Bipartito PSOE-BNG someteu á Mariña lucense durante máis de tres anos. O  Grupo Parlamentario Popular, encabezado polo seu portavoz, Manuel Ruiz Rivas, mantivo hoxe unha xuntanza en Xove, na que, ademais do presidente provincial do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, e do secretario provincial e deputado, José Manuel Balseiro, participaron tamén os alcaldes e presidentes locais do PP na comarca para analizar os principais problemas da zona e os incumprimentos do anterior Executivo autonómico. A de hoxe constitúe a primeira das catro reunións que o Grupo Popular ten previsto celebrar noutras tantas comarcas galegas durante o mes de xullo, co obxectivo de coñecer dun xeito directo os problemas e cuestións de cada zona a cuxa solución pode contribuír mediante a presentación de iniciativas parlamentarias.

En relación coas primeiras medidas adoptadas polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, os deputados e responsables locais do PP salientaron o compromiso de Portos de Galicia de elaborar un estudio de viabilidade sobre a apertura ao tráfico comercial xeral do dique norte de Alcoa, a dotación de dobre tripulación ao helicóptero Pesca II –co que se garante a súa operatividade as 24 horas do día e os 365 días do ano-, o plan de choque contra as listas de espera anunciado no Hospital da Costa ou a decisión de aprazar o desenvolvemento do Plan Sectorial de Vivenda ata consultalo cos concellos e consensualo cos propietarios.

Manuel Ruiz Rivas constatou na reunión celebrada hoxe que “os problemas da Mariña son os mesmos que fai catro anos pero agrandados polo esquecemento que sufriu a zona durante o goberno bipartito na Xunta de Galicia”. Indicou que o Grupo Parlamentario Popular pretende contribuír a solución destes problemas dándolles un empuxe parlamentario e facendo todos os esforzos posibles para que as reclamacións dos concellos da Mariña sexan unha prioridade para o novo Goberno da Xunta.

HOSPITAL DA COSTA E CORREDOR BARREIROS-FERROL.- Os representantes do PP analizaron polo miúdo os principais incumprimentos do  anterior Goberno autonómico en relación coa Mariña de Lugo en distintas áreas. Así, en materia de Sanidade, resaltaron que PSOE e BNG esqueceron a súa promesa electoral de ampliar o Hospital da Costa, no que, ademais, ata oito especialidades médicas superaron amplamente a lista de espera media de Galicia, unha demora na prestación dos servizos sanitarios que se estendeu á atención primaria. A supresión do acceso de preto de 300 nenos ao especialista en medicina infantil nos seus respectivos centros de saúde, o incumprimento da promesa de habilitar un Punto de Atención Continuada en Foz ou a negativa á instalación dun servizo de resonancia magnética permanente no hospital foron outros exemplos da mala xestión do bipartito neste eido abordados na reunión de hoxe.

Os alcaldes e responsables locais do PP destacaron tamén, no que atinxe ás infraestruturas, os atrasos na construción do Corredor Barreiros-Ferrol no seu tramo de titularidade autonómica, sobre o que todos os esforzos realizados polo PPdeG para reducir o seu prazo de execución contaron coa oposición de PSOE e BNG. En canto á vivenda, subliñaron que os pisos sociais e protexidos na comarca se reduciron drasticamente na anterior lexislatura, na que o departamento que dirixía a nacionalista Teresa Táboas limitouse a continuar cos proxectos iniciados polo anterior Goberno do PP e a dedicar o esforzo máis importante a propaganda. 

Na xuntanza apuntáronse outras áreas nas que A Mariña foi esquecida polo bipartito, tales como a Xustiza, na que os obstáculos postos pola anterior Xunta impediron a creación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en Ribadeo, ao que se uniu o cesamento da celebración das vistas do Penal nos xulgados de Primeira Instancia de Mondoñedo e Viveiro; a Pesca, cuxa crise afectou de xeito especial a esta comarca; ou as emerxencias, eido no que os populares salientaron a paralización da apertura dos parques de bombeiros de Barreiros e Viveiro.

INICIATIVAS DO GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR.- O portavoz parlamentario do PPdeG comprometeuse a seguir traballando polo avance da Mariña e lembrou as iniciativas que o seu partido ten presentado no Parlamento dirixidas a que se poña solución ás principais carencias da comarca. Entre as máis recentes, e ademais da que derivou no mencionado compromiso de Portos de Galicia sobre o dique norte de Alcoa, lembrou que por iniciativa do Grupo Popular, a Xunta instará ao Goberno central a incrementar os servizos de vixilancia e control na franxa norte da costa galega e a acelerar a posta en funcionamento da sede da Garda Civil do Mar en Viveiro. Igualmente, referiuse ao acordo unánime do Parlamento acadado na lexislatura pasada, tamén por iniciativa dos populares, para que se acadara un maior equilibrio entre os representantes das provincias de Lugo e da Coruña no Consello de Administración da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, no que a provincia lucense conta tan só cun dos 25 vogais, acordo que, sen embargo, foi incumprido polo bipartito. Así mesmo, apuntou que a dotación de dobre tripulación ao helicóptero Pesca II do Servizo de Gardacostas de Galicia agora comprometido foi tamén reclamado polo Grupo Popular na anterior lexislatura.

Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, salientou que as xuntanzas como a de hoxe puxo de manifesto que existen outras formas de facer política “e a do PP é apoiar e cumprir o que prometeu e o que era promesa fai pouco tempo estase a converter en realidade”. Resaltou tamén que o PPdeG segue a estar a pé da rúa “agora que apoia ao Goberno exactamente igual que cando estaba na oposición”.