Partido Popular de Lugo

O GPPP LEVARÁ Ó PLENO DA DEPUTACIÓN UNHA MOCIÓN NA QUE REIVINDICAN A CONTINUIDADE DA PLANTA DE PASCUAL

Lugo, 21 de maio de 2009.- Membros do Grupo provincial popular reunironse esta mañá cunha delegación dos traballadores de Pascual, a petición destes últimos, para analizar a situación na que se atopa a empresa e a plantilla.

O Presidente do comité de empresa, Pedro Neira, solicitou a axuda do Partido Popular para que levara a cabo cantas inciativas sexan precisas para frenar o expediente de regulación de emprego presentado por Pascual para a planta de Outeiro de Rei. Segundo indicou, o seu principal obxectivo é acadar o mantemento dos 155 postos de traballo existestes.

Por parte do GPPP, o seu voceiro José Manuel Barreiro, que estivo acompañado polos deputados José Manuel Mato e Manuel Varela, brindouse a colaborar en todo o que fose posible e deulles a coñecer, de feito, unha moción presentada hoxe mesmo na Deputación para ser abordada no pleno provincial da vindeira semana.  

Nela os populares instan a administración provincial a trasladar á Dirección do Grupo Pascual a oposición ó peche da factoría en Outeiro de Rei; a dirixirse á Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e ó Conselleiro de Medio Rural para demandarlles unha actuación coordinada que evite o peche da fábrica e manteña os postos de traballo, así como a apoiar as medidas políticas e sociais encamiñadas a lograr que se evite o peche da fábrica e se regulen os postos de traballo.

A iniciativa foi moi ben acollida polos representantes dos traballadores, ó considerar que responde ás súas reinvindicacións, polo que animaron ó GPPP a tentar acadar o maior consenso posible co resto das forzas políticas con representación na Deputación para que a defensa dos seus intereses e, polo tanto, o mantemento dos postos de traballo sexa unha realidade.