Partido Popular de Lugo

O GPPP ACUSA A BESTEIRO DE DARLLE AS COSTAS ÓS GANDEIROS

Lugo, a 18 de maio de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular amosou hoxe a súa satisfacción porque o Presidente da Deputación de Lugo recoñeza aberta e públicamente o valor estratéxico que para esta provincia ten o sector primario e a necesidade de que as distintas institucións e os diferentes axentes sociais se impliquen, de xeito conxunto, na defensa dos seus intereses.

Lamentan, sen embargo, os populares que a clarividencia da que fai gala agora José Ramón Gómez Besteiro para coa situación na que se atopa o sector lácteo non se tivera manifestado con antelación e que esa sensibilidade e disposición á colaboración entre as distintas administracións da que agora se fixo ferviente defensor brilara, non hai moito tempo, pola súa ausencia.

Lembran dende o GPPP que a Deputación de Lugo deu sempre as costas ó sector primario e que todas e cada unha das iniciativas plantexadas neste senso polo Partido Popular foron rexeitadas por socialistas e nacionalistas.

Para os populares este cambio de actitude expresado por Gómez Besteiro pon de manifesto que antepón os intereses partidistas á defensa dos intereses da provincia e dos seus cidadáns. 

Así, segundo salientan, a Deputación de Lugo non só se negou a poñer en marcha calquer medida ou acción directa encamiñada a mellorar ou facilitar a recuperación económica das explotacións gandeiras, na súa dobre vertente de producción cárnica ou leiteira, e incluso do sector pesqueiro, senón que tamén se negou a instar ás outras administracións competentes nesta materia, á propia Xunta de Galicia e ó Goberno central,  a que o fixeran.

O GPPP detecta neste cambio de actitude manifestado por Gómez Besteiro un intento frustrado por zafarse da súa responsabilidade e, xa de paso, instar á Xunta, agora si, a que se implique na busca de solucións a este problema. É unha magoa, recalcan os populares, que desaproveitara a ocasión de poñer en práctica o que neste intre parece ter tan claro cando gobernaban os seus compañeiros na Xunta de Galicia porque, deste xeito, non se tería perdido tanto tempo e quizais a situación actual non resultara ser tan crítica e dramática e as consecuencias foran menos graves. 

En calquera caso, segundo explican dende o PP, o Presidente da Deputación de Lugo non debe albergar ningunha dúbida sobre a implicación da Xunta de Galicia, e nomeadamente do Presidente Alberto Núñez Feijoo e do conselleiro de Medio Rural Samuel Juárez, na busca de solucións a este problema; e un bo precedente e, segundo indicaron, o feito de que xa hai riba da mesa un paquete de medidas encamiñadas a lograr ese obxectivo. 

Dende o GPPP apremian, unha vez máis, a Gómez Besteiro a traballar máis pola provincia de Lugo e a antepoñer os intereses xerais dos lucenses os seus propios. De facelo así, segundo suliñan, non terá que verse obrigado a facer malabarismos para tentar xustificar a súa neglixencia ou a súa desidía no cumplimento das súas funcións como Presidente da Deputación.