Santiago, 19 de maio de 2009.- O Grupo Parlamentario Popular anunciou hoxe, no Pleno do Parlamento, que proporá á Mesa da Cámara a posta en marcha, dentro da Comisión 7ª, de Agricultura, Gandería e Montes, dun grupo de traballo que avalíe a situación do sector lácteo galego e as súas perspectivas de futuro. Un foro axeitado para o debate político específico sobre o sector lácteo galego, coa presenza dos grupos parlamentarios e coa participación, asistencia e comparecencia de representantes do Goberno e do sector. Este grupo de traballo elaborará as súas propostas de resolución, logo do correspondente debate. Segundo salientou o deputado popular Xosé Manuel Baltar Blanco, “esta será unha medida estratéxica que contribuirá a garantir a viabilidade do sector lácteo galego, obxectivo de país irrenunciable”.
O Grupo Popular rexeitou a iniciativa nacionalista sobre medidas a adoptar en relación coa situación que está a atravesar o sector do leite en Galicia por tratarse do recoñecemento contundente do nulo e inexistente labor nacionalista cando formaron parte do Executivo autonómico. A iniciativa do BNG “era un auténtico catálogo de incumprimentos, asumindo o fracaso absoluto e a incapacidade manifesta dos anos de Suárez Canal como conselleiro de Medio Rural”, apuntou Baltar Blanco.
Aos anos do bipartito engádese “o patético labor desenvolvido pola ministra socialista dos tres medios, rural, mariño e ambiente”. “Non se pode facer peor”, resaltou o deputado do Grupo Popular, quen fixo fincapé en que “rematou o tempo político no que era imposible ver na mesma mesa a un conselleiro nacionalista e ao presidente socialista con representantes dalgún sector da economía galega”.
Xosé Manuel Baltar subliñou que “os cidadáns comprobaron hai días, coa xuntanza do Presidente Feijóo e do conselleiro de Medio Rural con representantes do sector lácteo, que hai outro xeito de gobernar, baseado no diálogo, e con compromisos prioritarios para o novo Executivo como o de garantir a viabilidade deste sector estratéxico da economía galega”.