Lugo, a 7 de maio de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular considera que a vagancia da que fai gala o Presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro está a chegar a extremos alarmantes e está a provocar, ademais, graves perxuizos económicos, así coma un salientable detrimento do patrimonio co que conta a administración provincial.
Así, o Grupo provincial do Partido Popular califica do “máis absoluto despropósito” que na orde do día da xunta de goberno da Deputación que se celebrará mañá se inclúa, dous anos despois de iniciarse o concurso, a constatación de que quedará deserta a concesión da explotación de diversas instalacións de propiedade provincial de salientable valor turístico.
Trátase, en concreto, das instalacións deportivo-recreativas de Augasmestas, no concello de Quiroga; da cafetería bar-quiosco en Augas Férreas, en Lugo; das dependencias existentes en San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; das de Doade, en Monforte de Lemos; da cafetería de todas as embarcacións de recreo coas que conta o organismo provincial; e as instalacións ubicadas na presa de Belesar, así como no pobo de Adega, en Chantada.
Os populares responsabilizan “de xeito directo e inequívoco” ó Presidente da Deputación José Ramón Gómez Besteiro desta situación “insólita”. Acúsano de non facer “absolutamente nada” por promocionar e sobre todo conservar e manter estas instalacións, que supuxeron unha importante inversión económica da administración provincial e, o que resulta aínda máis relevante, unha clara e decidida aposta polo aproveitamento dos recursos naturais cos que conta a provincia para o desenvolvemento turístico.
O GPPP sinala que o concurso para a concesión da xestión indirecta destas inatalacións abriuse en maio de 2007. Salienta, ademais, que un informe da xefatura da área de Urbanismo do 6 de setembro dese mesmo ano, aconsellaba que as concesións quedaran desertas porque, naques casos no que se presentaran ofertas, os aspirantes non cumplían os requisitos marcados nos plegos de condicións. No que atinxe ás dependencias existentes en Augas Férreas e as dúas existentes no municipio de Chantada ninguén amosou interese por facerse cargo da súa xestión.
Os populares chaman a atención tamén sobre o feito de que a mesa de contratación reuniuse hai dous meses para resolver estes concursos e que propuxo que éstes quedaran desertos basándose precisamente no informe de Urbanismo xa mencionado do 6 de setembro de 2007. É dicir, a Deputación tarda dous meses en levar este asunto á xunta de goberno, o que quere dicir que a resolución destes concursos demorouse dous anos sen necesidade.
O GPPP insistiu en responsabilizar directamente desta desfeita a José Ramón Gómez Besteiro porque un decreto asinado por el mesmo otorgaba a Suplusa o manteñemento das xa indicadas instalacións. Lembran os populares que o Presidente da Deputación é tamén o presidente de Suplusa. Polo tanto, o estado lamentable no que se atopan estas dependencias, un estado que nalgúns casos chega a ser ruinoso, é responsabilidade única de Gómez Besteiro.