Partido Popular de Lugo

MANUEL LÓPEZ EIRIZ PROMETE TRABALLAR POLA A XUVENTUDE DE MONFORTE

Núñez Feijóo e Barreiro acompañaron ao candidato popular no seu primeiro mitin

Núñez Feijóo e Barreiro acompañaron ao candidato popular no seu primeiro mitin

Sábado, 12 de maio de 2007. O presidente do PP de G, Alberto Núñez Feijóo e mailo presidente provincial do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, arrouparon hoxe ao candidato á alcaldía de Monforte, Manuel López Eiriz nun mitin electoral no Edificio Multiusos. A pesar de que o acto coincidía co trascendente encontro de liga, entre o R. Madrid e o Español, os monfortinos encheron o salón de actos do edificio multiusos para amosar o seu apoio ao candidato local do Partido Popular.

Abriu o acto o deputado autonómico e número 2 do PP de Monforte, Dámaso López quen fixo unha dura crítica ao bipartito que goberna Monforte, lembrando as promesas que PSOE e BNG recollían nos seus programas electorais e que non foron capaces de cumplir nestes anos. «Monforte non merece estes incumprimentos nin vivir nun permanente desencanto cos seus gobernantes», afirmou Dámaso López.

O número 2 monfortino cuestionou a capacidade para gobernar do bipartito e referiuse ao asunto da praza de pediatría do centro de saúde de Monforte que a consellería de Sanidade cubriu cun médico xeneralista, «¿qué credibilidade poden ter os que enganan ás nais con algo tan importante como a saúde dos seus fillos?», preguntouse.

José Manuel Barreiro falou de López Eiriz como unha persoa seria e comprometida coa súa terra

José Manuel Barreiro referiuse a López Eiriz como unha persoa seria e comprometida coa súa terra

O presidente provincial do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, relacionou a situación política de Monforte coa de Galicia que, segundo afirmou, «está gobernada por dous señores aos que o único que lles ocupa é a súa situación persoal» . Segundo Barreiro, o Partido Popular ten en Monforte un proxecto, «o que encabeza Manuel López Eiriz, que é unha persoa seria e comprometida coa súa cidade» . Barreiro dixo que Monforte non pode deixar pasar outros catro anos porque serían catro anos perdidos.

Tamén falou en clave provincial e nacional, ao afirmar que os monfortinos teñen que colaborar a cambiar a política municipal para contribuir ao proxecto provincial do PP e a cambiar o goberno de España que poña fin á dramática situación que se vive en todo o país.

López Eiriz fixo unha clara aposta pola xuventude de Monforte

López Eiriz fixo unha clara aposta pola xuventude de Monforte

O candidato á alcaldía, Manuel López Eiriz, estrenouse no seu primeiro discurso diante dos monfortinos amosando a súa preocupación polo futuro da xuventude da cidade, «que está a marchar fora porque non encontra traballo eiquí». Segundo López Eiriz, esa diáspora está a hipotecar o futuro do municipio, pois afecta a todo o desenvolvemento de Monforte poñendo en perigo postos de traballo como os da educación, por exemplo.

López Eiriz comprometeuse a loitar pola xuventude captando empresas que xeren postos de traballo na cidade. A continuación, o candidato desgranou as liñas principais do seu programa, nas que deixou ver unha aposta clara e decidida polo desenvolvemento económico de Monforte. «Queremos promocionar Monforte económica e xeográficamente, loitaremos por esas infraestructuras que sempre nos prometen e nunca nos dan», dixo entre os aplausos dos veciños.

Tamén se referiu López Eiriz ao Plan Urbanístico, que prometeu levar a cabo dende o consenso con tódalas forzas políticas, «sen el, Monforte quedaría como un esqueleto», -afirmou- e anunciou a súa intención de revitalizar o centro da cidade.

Prometeu tamén traballar polo rural «cuios cidadáns deben ter as mesmas condicións que os que viven na zona urbana» -dixo-, neste senso propuxo mellorar os servizos de sanemento nestas áreas así como dotalos de mellores comunicacións e poñer internet ao seu alcance. López Eiriz explicou tamén varias iniciativas culturais como impulsar unha rede local de museos, crear un autobús escolar para tódolos alumnos de Monforte e acondicionar recintos deportivos do concello.

O candidato popular rematou a súa intervención dicindo que conta cun equipo cheo de ilusión e explicando por qué se presenta a alcalde «non estou aquí para medrar en política nin económicamente, estou aquí para traballar por Monforte, para todos vos e con todos vos».

Núñez Feijóo explicou que o PP fixo o Parador e o campo de fútbol coa oposición do PSOE

Núñez Feijóo explicou que o PP fixo o Parador e o campo de fútbol coa oposición do PSOE

Pechou o acto o presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen comezou a súa intervención dicindo que o PP defende ideas mentres que outros non se sabe qué defenden. «Levamos dous días de campaña e aínda non se escoitou ningunha proposta dos demáis mentres que nós presentamos un paquete de 315 medidas eficaces para os nosos concellos» .

Explicou que o PP é un partido de goberno que está obligado a cumplir o que promete, e iso é unha garantía, mentres que outros non están obrigados porque teñen que gobernar xuntos e poñerse de acordo entre eles, e polo tanto a súa palabra carece de valor.

Comentou Núñez Feijóo que aínda que os outros partidos non fan propostas adícanse a criticar as do PP «e critican que queramos baixar os impostos, porque así lles quedan menos cartos para facer publicidade nos medios de comunicación» . Ainda que, matizou, «o maior imposto que pagan os galegos é ter un goberno partido pola metade».

Núñez Feijóo dixo que hai que rexenerar a vida política galega, porque en dous anos de bipartito Galicia está a vivir un retroceso de moitos anos. Pero adiantou que «non queremos gobernar se non gañamos» e animou aos monfortinos a votar en masa a López Eiriz.

Barreiro e Feijóo pediron o apoio aos monfortinos para López Eiriz

Barreiro e Feijóo pediron o apoio aos monfortinos para López Eiriz