Sábado, 4 de maio de 2024. Antonio Ameijide denuncia unha vez máis “o illamento que sofre a provincia de Lugo en materia de infraestruturas e servizos ferroviarios” tras recibir continuas queixas dos usuarios xa sexan estudantes, traballadores ou empresarios xa que os continuos atrasos, falta de conexións e redución de frecuencias “prexudican o desenvolvemento da súa actividade diaria”.
O popular entende que “as obras hai que facelas” pero bota en falta unha xestión máis eficiente para “evitar atrasos apabullantes” dos que tivemos coñecemento nas últimas semanas de “ata dúas horas de atraso para saír de Monforte e outras dúas horas en Ourense para viaxar a Vigo”, unha conexión habitual para os estudantes “que o sufriron a pasada fin de semana e que agardamos que non teñan que repetir a mesma espera este domingo”.
“A isto hai que engadir, segundo os servizos que recolle a web de Renfe, a supresión dunha conexión á última hora da tarde -que mentres duren as obras na liña ferroviaria se presta por medio de bus- entre Ourense e Lugo para enlazar co AVE que chega a Ourense ás 22:46 horas”. Tamén hai que recalcar que os servizos Intercity son máis caros que os servizos media distancia ou chamadas trens sinerxiados que reservan prazas máis económicas.
“A supresión desta liña supón illar aínda máis á nosa provincia do acceso á alta velocidade tendo en conta que a outra alternativa para chegar a Ourense é pola estrada N-540 que se atopa nun estado verdadeiramente perigoso”, engade.
“Os atrasos e a redución de frecuencias súmanse ás queixas recorrentes pola falta dunha alternativa real para viaxar á Coruña, por exemplo, usando o transporte ferroviario dende Lugo e que afecta a moitos traballadores”, di Ameijide.
Ademais, advirte que “o illamento da provincia en materia ferroviaria lastra o seu desenvolvemento” tendo en conta que “empresas punteiras rexeitan celebrar importantes eventos na cidade de Lugo polas malas comunicacións”.
Ameijide condena “a falta de mantemento, investimentos e a renuncia por parte do Goberno do PSOE -co silencio do BNG- á construción das variantes dos Peares-Canaval e Rubián que permitirían dotar a Lugo da alta velocidade”. Nese sentido, lembra que “coas actuais obras a liña non permitirá alcanzar a alta velocidade”.
“A realidade é que seguimos sen alta velocidade, con escasas frecuencias e continuos atrasos e sen conexións eficientes co resto de Galicia e coa Meseta; o que supón na práctica illar á provincia de Lugo”, conclúe.