Partido Popular de Lugo

O PP pide ao Concello a instalación de desfibriladores para que “Sarria sexa un municipio cardioprotexido”

Sarria, 22 de abril de 2024. O Grupo Municipal Popular quere que “Sarria sexa un concello cardioprotexido” e para iso propoñen que o Concello instale desfibriladores en distintas ubicacións, identificadas co debido asesoramento experto, e facilite a formación necesaria para o uso destes equipos de reanimación básica.

“Os desfibriladores poden ser esenciais para abordar con éxito as manobras de reanimación en caso de parada cardiorrespiratoria ou morte súbita, situacións de emerxencia nos que a actuación inmediata e con medios idóneos condiciona o prognóstico en cuanto á recuperación da vida e a minimización das secuelas”, explica a voceira, Carmen José López. Por iso, “os expertos en saúde recomendan instalar estes dispositivos externos nos lugares onde se reúna ou transite un gran número de persoas ou onde se realicen actividades que poidan aumentar o risco de sufrir unha parada cardiorrespiratoria”.

É o caso, polo tanto, de distintas instalacións municipais como, por exemplo, o estadio da Ribela ou as instalacións do ximnasio e piscina cuberta municipal”, ademais doutros espazos públicos onde habitualmente se realizan actividades cunha importante concorrencia de asistentes.

López engade, ademais, que “a instalación deste tipo de aparellos non só beneficia aos usuarios das instalacións nas que están situados, senón que supón un recurso para toda a poboación próxima”.

DISPOSITIVOS FÓRA DOS CENTROS DE SAÚDE

A presenza destes dispositivos de salvamento fóra dos propios centros de saúde non deixou de medrar nos últimos anos en Galicia sendo xa moitos os concellos que se sumaron á iniciativa para ser considerados municipios cardioprotexidos, polo que hoxe en día a súa presenza é xa moi habitual en instalacións deportivas como pavillóns ou campos de xogo, piscinas públicas, prazas, entre moitos outros de forma que se facilite unha reanimación inmediata.