Partido Popular de Lugo

O PP de Foz solicita unha comisión urxente de seguemento das obras das Casas Baratas na que estean representados os veciños

Foz, 16 de abril de 2024. O Partido Popular de Foz solicita unha comisión urxente de seguemento das obras das Casas Baratas na que estean representados os veciños, ademais dos propios grupos políticos da Corporación e dos técnicos, para que estean directamente informados de cal é a situación real deste proxecto; xa o pedían os populares e os veciños antes do inicio das obras e o alcalde non a quixo facer. Así o fan tras anunciar o alcalde que lle requiriron á empresa adxudicataria que reinicie de inmediato os traballos e que, en caso de non terminalos, non descartan licitar de novo as obras.

“O señor Cajoto segue sen responder cales son as causas da paralización das obras e, unha vez máis, culpa aos demais das súas inxerencias” critica o voceiro do Partido Popular. “Segue sen aclarar porque a empresa deixou de executar os traballos ou os estivo a facer intermitentemente e, ademais, se houbo presións para que momentos antes das eleccións se reiniciaran os traballos sabendo que, probablemente, non puideran rematar” continúa Javier Jorge Castiñeira.

O PP quere que o señor Cajoto e o equipo de goberno se deixen de desculpas, asuman a responsabilidade, creen unha comisión de seguemento, informen á oposición e aos veciños e, canto antes, solucionen o problema porque “botarlle a culpa aos demais sendo o máximo responsable do Concello nin é ético nin é o normal para un mandatario público”, sinala o popular focense.