Mércores 10 de abril de 2024. Os deputados do Grupo Provincial Popular e concelleiros do Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo ofreceron hoxe unha rolda de prensa conxunta para valorar as propostas de sancións que se publican hoxe nos medios de comunicación en relación á tala das árbores do Fogar de Santa María.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, afirmou que “a raíz das novas que se publican hoxe nos medios de comunicación queda claro que as actitudes autoritarias e ditatoriais de Tomé saen moi caras á Deputación e aos seus funcionarios”.
Antonio Ameijide refírese ás propostas de sanción de 6.000€ ao funcionario que vetou á entrada aos axentes de Medio Ambiente, por orde expresa do presidente da Deputación, e de 2.000€ á Deputación pola tala das árbores do Fogar de Santa María.
“José Tomé, como bo aprendiz de ditador, segue pensando que está por riba da lei e que pode dar ordes ilegais a funcionarios e gardas de seguridade que, como vemos, teñen repercusións económicas para eles”, sinalou.
O voceiro popular engade que o presidente da Deputación “xoga ao seu antollo” co traballo e o soldo dos funcionarios e gardas de seguridade. “Non é realmente consciente das repercusións que poden ter para estas persoas as súas decisións ditatoriais e ilegais e, se é consciente diso, xa di o tipo de persoa e político que é”, apuntou. Estas propostas de sanción referendan “a actitude ditatorial de Tomé”, que hai dúas semanas recibiu unha resolución da Valedora do Pobo, tras unha petición de amparo do Grupo Provincial do PP por negar o acceso aos deputados populares a edificios públicos da Deputación, na que afirmaba que os vetos de acceso do presidente provincial “non responden a ningún criterio lóxico e resultan contrarios ao dereito fundamental recoñecido no art. 23 CE”.