Partido Popular de Lugo

O PP insta a Tomé a adoptar medidas, como presidente da Deputación e secretario provincial do PSOE, fronte ao novo incidente protagonizado por Lino Rodríguez

Lugo, 07 de marzo de 2023. O alcalde de Pol, o socialista Lino Rodríguez, segundo aseguran algúns medios de información, deu mostras novamente da súa incontinencia emocional da ira no marco das instalacións deportivas despois de que o equipo local perdera na casa fronte ao Castro. O PP pregunta a José Tomé, presidente da Deputación e secretario provincial do PSdeG-PSOE, ata cando pensa tolerar os comportamentos de Rodríguez, que se repiten ao fío de encontros deportivos.

O portavoz do Partido Popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “Non nos sorprende no PP nin no grupo provincial do Partido Popular, porque o coñecemos nas súas andainas pola Deputación; coñecemos a actitude de Lino Rodríguez, que saltaba nos plenos da Deputación de Lugo non só contra os seus rivais senón contra os mesmos compañeiros, como tan escandalosamente se puido comprobar nalgún pleno”. Engade: “Unha persoa que coñece moi ben a Lino Rodríguez é precisamente o presidente da Deputación de Lugo, que ademais é o secretario provincial do PSdeG-PSOE. Tomé e Rodríguez son compañeiros dende hai moitos anos e é un dos seus protexidos”.

Castiñeira lembra “as andainas de Lino Rodríguez, alcalde de Pol, nos conflitos  nos que se ve enfrascado en materia deportiva, porque non é capaz de  aguantar e xestionar as súas emocións, e usa fórmulas arcaicas e busca o conflito; o señor Tomé xa o sabe”. Engade: “Por iso nos sorprende que Lino Rodríguez sexa protexido polo señor Tomé, como fixo cando o PP pediu que se posicionara no incidente do señor Rodríguez con un afeccionado do Portomarín e así o pedimos agora despois de ter entrado no vestiario visitante; non entendemos o apoio de Tomé sabendo cales son as debilidades de Lino Rodríguez”.

Os populares piden a Tomé que, “mentres Lino Rodríguez siga cuestionado pola súa falta de talante, como presidente da Deputación de Lugo,  rompa as súas relacións co alcalde de Pol, porque “non poden ser que as instalacións deportivas financiadas pola Deputación de Lugo sexan o lugar de desencontros de Lino Rodríguez; non poden ser un feudo dese señor as instalacións financiadas con fondos de todos os lucenses”.

Castiñeira di: “Pedimos ao presidente da Deputación que corte relacións inmediatamente con Lino Rodríguez e que condene a súa actitude, porque xa é repetitiva e todo o mundo coñece como as gasta este señor cos seus rivais políticos e deportivos; esas actitudes non pode protexelas un presidente da Deputación de Lugo como é o señor Tomé”.