Partido Popular de Lugo

O PP, á vista do grave e xeralizado deterioro das estradas provincias, propón deseñar un plan de acción consensuado “para evitar un inverno moi difícil aos veciños da provincia»

Lugo, 05 de xaneiro de 2023. A rede de estradas da Deputación é fundamental para a vertebración económica e social da provincia. A neglixente xestión do goberno presidido polo socialista José Tomé dende que tomou posesión ten como consecuencia que gran parte destas vías estean en condicións lamentables, debido á falta de mantemento. As últimas choivas viñeron a agravar os problemas que reiteradamente puxo de manifesto o grupo provincial do PP, que unha e outra vez demandou a elaboración e aplicación dun plan de estradas. Como única resposta aos esforzos populares para intentar a mellora da rede viaria, o presidente Tomé acusounos de practicar unha “política de fochancas”. Agora, mentres a xestión do goberno provincial naufraga nas fochancas das vías provinciais, o PP lanza de novo unha oferta de consenso para estudar a situación real das estradas e decidir as medidas a adoptar canto antes. Noutro caso, segundo o portavoz popular, Javier Castiñeira, “este inverno vai ser moi complexo para os veciños da provincia de Lugo”.

 O goberno provincial deixou claro en repetidas ocasións que non sabe se a Deputación ten ou non ten un delegado específico para vías e obras, pero, en todo caso, o responsable directo é José Tomé. Javier Castiñeira sinala: “Á falta de liderado nunha área tan importante da Deputación únese a falta de incremento nos orzamentos para mantemento; coa suba de prezos, a capacidade de mantemento da rede viaria provincial queda seriamente mermada. Por outro lado, o goberno non quixo deseñar e aplicar o plan de estradas que solicitou o PP durante toda a lexislatura”.

Os populares din que a gravidade da situación queda clara só con ver canta xente se queixa en diferentes poboacións lucenses. Temen que “isto aínda está empezando”, debido a que a auga e as xeadas van agravar os problemas. Castiñeira está convencido de que “se non hai un plan de intervención para facer un mantemento moito máis amplo do que se está a facer vai ser un inverno moi difícil en materia de estradas”. De novo, di o portavoz popular, “o PP propón que nos sentemos xuntos todos os grupos provinciais para analizar cal é a situación real da rede viaria e que podemos facer nas próximas semanas para mellorala”.