Partido Popular de Lugo

Elena Candia, aos mozos e mozas da provincia: “Queremos escoitarvos e unirvos ao noso proxecto”

Portomarín, 2 de outubro de 2022. A presidenta do PP da provincia de Lugo, Elena Candia, dirixiuse aos mozos e mozas durante a clausura do encontro ‘Xuventude no Camiño’ celebrado este domingo en Portomarín para lembrarlles que “o Partido Popular da provincia ten as portas abertas para todos e todas aquelas que queiran coñecer o noso traballo e, por suposto, achegar as súas propostas para enriquecer o noso partido. Queremos escoitarvos e unirvos ao noso proxecto”. Candia lembrou que “Portomarín conta co alcalde máis novo da provincia” poñendo en valor o seu traballo á fronte do goberno. Pablo Rivas, que tamén preside o PP local, foi o encargado de dar a benvida a este acto sectorial.

A dirixente popular sinalou tamén que “os mozos e mozas representan ao futuro da nosa provincia e, polo tanto, constitúen unha parte fundamental do proxecto do Partido Popular que está a sumar novos afiliados, tamén de menos de 30 anos, que están demostrando que hai xente moza con ganas de facer cousas e emprender proxectos vinculados ao noso territorio”.

Candia destacou, así mesmo, “a importancia do Camiño de Santiago para a provincia ao reunir valores sociais, culturais, medioambientais e económicos que comparte tamén o noso proxecto. O Camiño é unha fonte de oportunidades para os mozos e mozas como puidemos coñecer hoxe aquí en Portomarín”. Nese sentido, trasladou o seu agradecemento a Javier Pitillas -impulsor da asociación Discamino- e Izan Castro -un dos integrantes- xunto a Yelco Zarza, xerente da scape room ‘Aventura no Camiño’, por compartir as súas experiencias nesta xornada e permitirnos “seguir aprendendo” e “construíndo entre todos unha sociedade mellor”.

Exemplos de esforzo, traballo e superación

O acto sectorial organizado pola Comisión de Xuventude do PP da provincia contou con numerosos asistentes mozos e distintos representantes do PP lucense que participaron tamén previamente nun pequeno percorrido a pé pola contorna do Camiño de Santiago dende a estrela dos desexos ata o Parador ‘Pousada’ onde se desenvolveron as conferencias.

A vicesecretaria de Xuventude do PP de Lugo, Patricia Teijeiro, sinalou durante a súa presentación que os obxectivos da Comisión son “poñer en valor e visibilizar os grandes proxectos da nosa mocidade, neste caso, vencellados ao Camiño de Santiago. Neste ano Xacobeo, cremos que é unha boa forma de homenaxealo amosando a súa condición de dinamismo e perpetuidade na man das xeracións máis novas. Con elas queremos estar, ao seu carón, apoiándoos nas súas magníficas iniciativas que son un gran exemplo de traballo, esforzo e superación para outros mozos e mozas. O noso é un partido aberto onde queremos que todos e todas se sintan acollidos e atopen impulso para progresar e lograr as metas que se propoñan”.

O acto rematou cuns petiscos e animación musical.