Partido Popular de Lugo

O PP reitéralle ao Mitma que escoite á Xunta logo de que o alcalde de Pedrafita recoñecese que a proposta do Goberno non soluciona a problema do tráfico

Lugo, 20 de xullo de 2022.  O Partido Popular da provincia de Lugo reitéralle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) que escoite á Xunta de Galicia logo de que o alcalde de Pedrafita recoñecese publicamente que a proposta activada hoxe polo Goberno non soluciona o problema do tráfico neste municipio. Deste xeito, a dirección provincial considera que se pon en evidencia que o desvío habilitado na A-6, no entorno de dita localidade, polo Ministerio non resolve o problema do paso de miles de vehículos cada día pola vila de Pedrafita, tal e como xa advertiran en días pasados dende o propio partido e dende a administración autonómica

Ao abeiro dos feitos, os populares agradecen ao socialista Raposo que “poña os intereses dos seus veciños por diante dos intereses do seu partido”. Para a dirección provincial, no PSOE ocorre habitualmente que os cargos públicos optan por defender os intereses de partido por diante dos intereses dos cidadáns, de aí que poñan en valor as declaracións do rexedor. “A diferenza dos seus compañeiros, está priorizando aos seus veciños e ao seu concello”, remarcan.

As afirmacións de Raposo veñen a demostrar, segundo a dirección provincial, que o Executivo estatal non tivo en conta as alternativas da Xunta, á hora de planificar o desvío necesario como consecuencia do derrubamento dun viaduto en O Castro, de aí que reivindiquen ao Ministerio, unha vez máis, “que é preciso traballar conxuntamente con todas as administracións”, sobre todo, engaden, “porque o obxectivo do Goberno galego sempre foi sumar e acadar unha solución que realmente sexa útil”.

De feito, conclúen, “a Xunta advertiu insistentemente de que a alternativa que se adoptara debía ser unha solución completa, de maneira que sacara o tránsito dos 10.000 vehículos diarios que están a atravesar o núcleo de Pedrafita  e permitira o tránsito de vehículos especiais”.