Partido Popular de Lugo

Candia destaca o traballo dos profesionais da educación na provincia nunha xornada na que participaron numerosos docentes

A presidenta do Partido Popular da provincia, Elena Candia, sinalou que “a educación goza de boa saúde na nosa provincia, un mérito no que teñen moi especial relevancia os profesionais. A educación máis que unha profesión é unha gran vocación”. Así o manifestou durante a clausura da xornada organizada pola comisión de Educación baixo a denominación de “Un medio para un fin” na que tamén agradeceu o  traballo que fan os máis de 4.000 docentes na nosa provincia e o esforzo da comunidade educativa, especialmente, durante a pandemia para manter a seguridade nas aulas.

 

Á xornada asistiron, ademais de docentes da provincia; os respnsables de Educación na Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e na Junta de Castela e León, María del Rocío Lucas; así coma o secretario Xeral do PPdeG, Miguel Tellado; a vicesecretaria de Política Social do PP, Ana Pastor; ou o vicesecretario de Participación do PP e deputado lucense, Jaime De Olano.

 

Candia destacou durante a súa intervención as peculiaridades demográficas da nosa provincia. Lembrou, neste sentido, que Muras conta con 3 hab/km2 e Cervantes 5 hab/ km2 cando a media da provincia é de 33 hab/km2. A popular fixo fincapé na incidencia das características demográficas no desenvolvemento da educación na provincia e, nese sentido, foi crítica con aqueles que tratan de difundir a idea de que a administración aplica recortes na educación; e destacou que durante a xornada na que se analizou a situación actual quedou demostrado que non existen tales  recortes.

 

A popular agradeceu ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, o esforzo inversor na provincia onde lembrou que o seu departamento desenvolveu este ano 97 actuacións en centros educativos da provincia cun investimento superior aos 14 millóns de euros de forma que, nalgúns casos, o investimento supuxo máis de 1 millón por centro. Hai que lembrar tamén que a cidade de Lugo concentra o maior investimento en obras educativas da Xunta en toda Galicia. “Máis que para falar de ladrillo, esta xornada foi unha boa oportunidade para coñecer a realidade da educación na provincia da man dos propios profesionais da educación”, subliñou.

 

A dirixente popular gabou tamén o traballo da Consellería en materia de Universidade que se traduce en 11 anos de taxas conxeladas favorecendo o acceso de máis mozos. Candia subliñou tamén o impulso ao campus lucense coa implantación de novos graos.

 

“Estamos moi orgullosos da nosa Universidade”, dixo. E explicou que “a Xunta vai investir nos próximos 5 anos 3.200 millóns de euros na Universidade, a maior achega da nosa historia. Un plan de financiamento que se acaba de consensuar cos tres reitores”, comentou.

 

Igualdade de oportunidades

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; e a consejera de Educación da Junta de Castela e León, María del Rocío Lucas Navas, participaron na mesa lexislatura “Retos da Educación do Futuro”, moderada pola coordinadora de Educación do PP na provincia de Lugo e concelleira no Concello da capital, Sagrario Sánchez Ramil.

 

Román Rodríguez destacou que tanto Galicia como Castela e León son "dous dos mellores sistemas educativos de España, un exemplo de que o ensino é unha ferramenta para dar oportunidades ás persoas e mellorar o futuro da sociedade".

 

O responsable galego de Educación repasou os pasos dados na última década para consolidar "un modelo propio de calidade", que logrou reducir o abandono escolar á metade. Subliñou tamén o liderado en resultados académicos segundo o informe PISA, competencia en inglés ou Formación Profesional, así como o gran investimento no rural "para garantir a igualdade de oportunidades con independencia de onde viva un neno".

 

 

De Olano foi o encargado de conducir o desenvolvemento da mesa técnica na que participaron Teresa García Crecente, directora do IES A Pontenova e profesora especializada en Educación Especial; Jairo Campo Vázquez, asesor do Equipo do Plan dixital. Dixitalización; Joaquín Expósito López, director do CEIP As Mercedes; e José Manuel López Barreiro, director do CEIP Terra Chá.

 

Máis iniciativas

Con esta nova iniciativa a formación popular continúa coa súa programación de encontros e de actividades para analizar e recoller as propostas da sociedade en relación aos temas que afectan á provincia e para achegar o Partido aos lucenses. De feito, Candia adiantou que “seguiremos facendo máis mesas en relación a outros temas e sectores para buscar solucións dende o traballo conxunto”.