Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “Co novo centro de saúde incrementaranse os servizos sanitarios para os ribadenses”

O deputado autonómico e voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, salienta que “co novo centro de saúde se incrementarán os servizos sanitarios para os ribadenses”.

 

O popular lembra que “a construción dun novo centro de saúde en Ribadeo anunciada polo presidente da Xunta o pasado venres despois do Consello da Xunta no que se aprobou o Plan de infraestruturas de Atención Primaria inclúe tamén a implantación de novos servizos”.

 

Ademais dos servizos que están en funcionamento no actual centro de saúde, o proxecto de construción do novo inclúe a incorporación de cinco consultas máis (que serían dúas consultas técnicas para realizar ecografías, espirometrías, cirurxías menores ou dermatoloxía; dúas consultas para docencia e unha sala polivalente) e un espazo máis para o programa da muller que incorporará aseo e vestiario propio. Incorporarase tamén unha sala de hixienista dental.

 

No caso do PAC, gañará espazos pasando de 4 a 5 dormitorios, unha sala de observación e un box de críticos das que non ten o centro actual, unha consulta de medicina máis, outro vestiario e outro almacén.

 

Para o persoal, incluirase un despacho de coordinación e unha sala de estar que, ata agora, non había no actual centro de saúde. E o 061 contará con espazo propio que inclúe aparcamento cuberto para as ambulancias, sala de estar e dous dormitorios para o persoal de ambulancia.

 

A construción do novo centro de saúde para Ribadeo atópase dentro da fase 1 do Plan de infraestruturas de Atención Primaria, na que se recollen actuacións consideradas urxentes polo Sergas debido ás súas necesidades asistenciais. De feito, os informes sinalan que o actual centro de saúde de Ribadeo non é funcional porque se foron ampliando servizos sen reubicarse de forma ordenada. O espazo para fisioterapia non é suficiente e recollen tamén que non é adecuada a accesibilidade para pacientes e traballadores da área de radioloxía.

 

O popular urxe ao alcalde e ao goberno do BNG “a poñerse a disposición da Xunta para ceder terreos céntricos e ben comunicados coa autovía para a construción do novo centro de saúde que suporá a mellora da atención sanitaria para os veciños e veciñas. Ribadeo precisa un alcalde que traballe en beneficio dos ribadenses e non un alcalde que poña paus nas rodas a calquera investimento que veña da Xunta, segundo manifesta.