Partido Popular de Lugo

Castiñeira afea a Cajoto o seu silencio diante do Goberno central fronte a “absoluta desatención” que sofre A Mariña no proxecto de orzamentos do Estado para 2022

O alcalde de Foz, Francisco Cajoto, é un bo exemplo de como entenden no PSOE o exercicio das responsabilidades de xestión. Fronte a gobernos socialistas, silencio e submisión, por moi prexudicados que saían aqueles aos que serve; fronte aos outros, crítica, continuada reclamacións de obras e servizos. O portavoz popular en Foz, Javier Castiñeira, á vista da marxinación que sofre A Mariña nos orzamentos xerais do Estado para o próximo ano, sinala: “Chámanos a atención o dobre raseiro do señor Cajoto, tanto como alcalde de Foz como presidente da Mancomunidade. Vémolo moitas veces exercendo de opositor á política da Xunta de Galicia; agora fala deste novo proxecto de fábrica de fibras téxtiles e forestais que anunciou o presidente da Xunta de Galicia para a nosa provincia, que está traballado e avanzando. Vemos que o señor Cajoto moito demandar á Xunta planes industriais, pero cando toca pedir contas ao Goberno do Estado, aos señores compañeiros socialistas, que serían os que  máis man terían para pedir investimentos, fai o contrario e opta pola calada como resposta”.

 

Castiñeira di: “Cajoto non fai absolutamente nada, tanto como presidente da Mancomunidade  nin como alcalde de Foz. A proba é o nefasto reparto que lle toca a A Mariña nos orzamentos do Estado. O alcalde de Foz leva case tres anos no cargo e non se avanzou absolutamente nada nos asuntos que o Estado ten en A Mariña, basicamente o ferrocarril e a A-74 (autovía entre Barreiros e San Cibrao), catro tramos. Cando el entrou no Concello os tramites administrativos estaban bastante adiantados para os dous primeiros tramos, dende Barreiros a O Carme e dende O Carme ata Fazouro; xa estaban feitas as expropiacións e nestes orzamentos vólvenos tocar o mínimo, eses 100.000 euros mínimos  que o Goberno pon para cada tramos, que non serven para nada e que significan a paralización absoluta deste proxecto”.

 

Os populares lamentan que esta situación de desatención á comarca nos orzamentos do Estado se prolongue xa por tres anos. Castiñeira sinala: “Non escoitamos ao señor Cajoto, nin como alcalde nin como presidente da Mancomunidade, queixarse e ser esixente  co Goberno. Pedímoslle que sexa un bo gobernante, que traballe para todos os seus veciños e non unicamente para o partido que o puxo aí”.