Partido Popular de Lugo

O PP de Muras lamenta “o desentendemento” do Concello respecto do peche da oficina bancaria

O Grupo Municipal do Partido Popular de Muras, que lidera Eugenia Requeijo, lamenta “o desentendemento” do Concello respecto do peche da oficina bancaria. E é que o goberno local convoca o pleno extraordinario solicitado polos populares, co fin de “sumar apoios” e de evitar que a localidade quedase sen a única prestación que tiña destas características, días despois de que Abanca clausurara a sucursal.

 

Os populares recollían así o sentir dos veciños, pero o rexedor “pasou totalmente”, a sabendas, di a voceira do PP, de que o peche obriga aos veciños a desprazarse ata Vilalba ou a Roupar para facer as súas xestións. Precisa Eugenia Requeijo, ademais, que “nin tan sequera a solución de ir a Xermade nos é rentable, pois a oficina de Roupar só funciona os martes e os venres”.

 

“Silencio” do goberno local

Os populares lamentan así “o silencio” do goberno local. “Non sabemos a quen quere beneficiar con tanta inacción, dende logo do lado dos veciños xa vimos que non lle interesa estar. O alcalde debería ter convocado o pleno antes da data anunciada pola entidade bancaria”, insiste Requeijo.

 

“Entendemos que estamos xa en agosto, pero o asunto ten a relevancia suficiente como para priorizalo. Agora de nada serve, xa que a oficina pechou e o que quedou claro é que o rexedor nada fixo por evitalo, a pesares de que quedar sen banco en Muras é un grave prexuízo para os negocios e os particulares que, na maioría do casos, son persoas de idade avanzada”, conclúe.