Partido Popular de Lugo

O PP insta ao goberno provincial a negociar con Fenosa unha nova concesión do club náutico de Belesar Presa e afea a Tomé que deixara caducar a anterior sen facer nada

O bigoberno (PSOE-BNG) da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, non deixa de dar mostras do seu total desinterese polo patrimonio. O máis recente exemplo da actitude de Tomé e dos seu equipo viuse na última sesión plenaria, na que, en resposta a unha pregunta do grupo popular, a delegada de Turismo, García Porto, asegurou que as instalacións do club náutico de Belesar Presa  non son da Deputación. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira,  insta ao goberno provincial “a que canto antes  retome con Fenosa a concesión e poña en valor para todos os lucenses e en especial para os veciños de Chantada  estas instalacións; cremos que a Deputación non pode prescindir de todo este capital e debe facer todo o posible con Fenosa para recuperar a concesión  e sacala de novo a licitación con urxencia para que neste ano Xacobeo estea en funcionamento”. 

 

Castiñeira explica: “O bipartito provincial deixou caducar a concesión das instalacións náuticas de Belesar en Chantada, que tiña concedidas por Fenosa durante 30 anos. Parécenos unha mostra máis da absoluta desidia do PSOE e do BNG co patrimonio provincial, e máis concretamente coas áreas recreativas provinciais do interior da provincia, como vimos denunciando dende hai moitos meses”.

 

O portavoz popular di que fala “de deixadez porque non queremos pensar que isto sexa un acto programado, pensado, premeditado, o cal sería moito máis grave”. Engade: “Ben é certo que no PP pensamos que todo é posible despois de ver como respondeu a delegada de Turismo, Pilar García Porto, a nosa pregunta; ou mellor dito, como non respondeu, dando a entender que, por estas instalacións, pasada a vixencia do convenio, nada fixeron e nada ían a facer”. Polo que puideron saber os populares, esta concesión de 30 anos das instalacións náuticas de Belesar Presa, en Chantada,  caducou o 24 de agosto de 2020, e segundo a resposta que se lles deu na Deputación, non se fixo ningunha xestión para renovala.

 

Castiñeira declara: “Chámanos poderosamente a atención, por outro lado, que no ano 2019, a Deputación sacara a licitación o club náutico de Belesar por dous anos -quedou deserta a pesar de que existían interesados nela- como consta no expediente, mostraba unha clara intención de seguir coa concesión. Por iso a nosa sorpresa  ao ver que deixaron caducar a concesión”.

 

Tamén di Castiñeira: “Con todo este cúmulo de incongruencias,  no pleno tentamos que se aclarase algo. Vimos a unha delegada de Turismo á defensiva e con poucas ganas de dar explicacións sobre este asunto”. Castiñeira insta ao goberno provincial a xestionar con Fenosa unha nova concesión e a poñer en funcionamento este club náutico, “o que sen dúbida dinamizaría o turismo nunha zona na que se debe aproveitar este recurso, a presa de Belesar con un magnífico entorno natural e moi representativo da Ribeira Sacra, que esperemos que este ano sexa declarada Patrimonio da Humanidade”.