Partido Popular de Lugo

O PP teme que a ineficacia dos gobernos provincial e lucense manteña ata 2024 como mínimo a situación de grave risco que sofren os peóns na avenida de Duquesa de Lugo

En setembro do ano 2020 tiña que estar entregada a obra de ampliación de Duquesa de Lugo no tramo comprendido entre a rotonda 25 de Novembro e a da Ronda Norte, enmarcada no convenio establecido pola Deputación e o Concello de Lugo para tal fin. A día de hoxe, desas obras nada se sabe e ese tramo ten as mesmas condicións que cando foi construído; carece de beirarrúas e de iluminación, polo que resulta altamente perigoso para os peóns. O proxecto inclúe o desdobramento da calzada. Duquesa de Lugo absorbe gran parte do tráfico de entrada e saída da cidade e constitúe unha das principais conexións entre o centro urbano, o polígono industrial do Ceao e a autovía A-6. O convenio prorrogado (o inicial é de 2016) entre a Deputación e o Concello para acometer a mellora deste tramo ten límite no 2024, e nada indica que a reforma da vía sexa executada antes dese ano. O grupo popular  na Deputación insta aos gobernos provincial e lucense a saír da súa zona de confort e empezar a traballar con seriedade para sacar adiante esta obra, moi necesaria para a capital lucense.

 

O deputado provincial Óscar Poy sinala: “A Deputación e o Concello de Lugo firmaron un convenio en 2016 polo que o Concello se comprometía a poñer a disposición da Deputación os terreos necesarios e o organismo provincial encargábase de todo o demais. Como en catro anos o goberno presidido por Lara Méndez non foi capaz de conseguir os terreos necesarios, foi preciso renovar o convenio, esta vez ata o 2024”. Engade Poy: “No marco dese convenio, a Deputación contratou a execución das obras (2019). Como non había, nin hai terreos, e pasou o tempo, a empresa solicitou en agosto do 2020 a resolución do contrato por causas alleas á responsabilidade do contratista. Pola súa banda, a Deputación, que rexeitou a solicitude da empresa, abriulle un expediente alegando que non elaborou no seu momento o plan de seguridade; e nesas estamos e as obras sen facer”.

 

Os populares, por boca de Óscar Poy, sinalan que o caso do desdobramento e ampliación de Duquesa de Lugo, no tramo citado, é unha boa mostra da incapacidade de xestión do goberno provincial e do de Lugo, ao mesmo tempo que demostra unha falta de sintonía ou de comunicación entre José Tomé e Lara Méndez.

 

Poy di: “Duquesa de Lugo absorbe unha gran cantidade de tráfico rodado. E tamén é unha das vías elixidas polos lucenses para camiñar. Ten arcén, pero carece de beirarrúas. De noite, debido a que carece de iluminación, vólvese moi perigosa para os peóns. Hai que recordar que nese tramo hai establecementos comerciais que atraen a numeroso público, así como unha residencia da terceira idade e talleres”.

 

O mesmo representante popular sinala: “Facémonos eco das queixas de numerosísimos lucenses e reclamamos da Deputación e do Concello de Lugo que deixen de dar voltas e de marear a perdiz e poñan mans a obra, porque é moi necesaria para a cidade. Como sempre fai o mesmo, e dirá que somos alarmistas, xa lle digo ao presidente da Deputación que si, que hai risco grave para os peóns e que é preciso que interveñan dunha vez”.