Partido Popular de Lugo

O Parlamento solicita ao Goberno central que aprobe o estatuto dos consumidores electrointensivos coas alegacións da Xunta e do sector

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que aprobe o estatuto dos consumidores electrointensivos coas alegacións presentadas polo sector e pola Xunta, marcando así a folla de ruta para dispor a medio prazo de medidas similares ás que este tipo de industria goza en Alemaña ou Francia.

 

A proposición non de lei inclúe, ademais, a solicitude para que o Goberno central implemente, no menor tempo posible, os mecanismos que substitúen as poxas de interrompibilidade, como a reserva estratéxica de resposta rápida, contemplando as singularidades da industria altamente consumidora en enerxía e procurando unha pronta apertura dos prazos de convocatoria. Tamén se pide que se incremente a dotación das compensacións por CO2 indirecto no 2020 ao máximo permitido, eliminando o imposto de xeración ao 7 por cento; que se exima dos cargos de financiamento das renovables e da coxeración ás industrias cun gran consumo enerxético; e que revise a consideración de industria electrointensiva, de forma que recolla adecuadamente o carácter altamente dependente da enerxía do tecido galego.

 

A viceportavoz do Grupo Popular, Elena Candia, comezou a súa intervención lembrando “a boa nova acontecida a semana pasada coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que declara nulo o expediente de regulación de emprego de Alcoa”. Neste sentido, recoñeceu o traballo feito tanto polos traballadores e as súas familias, así como das distintas administracións públicas, e dixo que “todos temos un mesmo obxectivo: manter os postos de traballo e que continúe a actividade industrial na zona de A Mariña”.

 

“Alcoa está a tempo de rectificar”, manifestou Elena Candia, quen considerou que a mellor saída posible é que se venda a planta, para a que existe un operador disposto a investir. “Pero, se non pode ser así, temos que avogar pola intervención”, concluíu.

 

RECORTA O APOIO ÁS EMPRESAS

 

Candia lembrou que o pasado 17 de decembro publicouse o Real Decreto polo que se regula o estatuto dos consumidores electrointensivos, que “recorta o apoio ás empresas galegas, xa que este texto responde a un criterio territorial e non a unha verdadeira aposta pola industria”. “Só así se explica o incremento do número de empresas beneficiarias: de 120 a 600”, engadiu.

 

“Este estatuto chega tarde e é claramente insuficiente, xa que os grandes consumidores non atoparán resposta á súa demanda dun prezo eléctrico que lles permita competir en igualdade de condicións con outros países, como Francia e Alemaña”, indicou.

 

Así mesmo, a viceportavoz popular lamentou que “o noroeste de España perde, unha vez máis, con este estatuto de consumidores electrointensivos” e subliñou que “non se atenderon as alegacións de Galicia, Cantabria e Asturias”.

 

Deste xeito, Elena Candia demandou que “o Goberno de España rectifique, porque esta política enerxética está deixando de lado á industria e poñendo en claro perigo os empregos industriais e a máis de 5.000 familias que dependen da industria electrointensiva”.

 

Por último, Candia lamentou que “tampouco existe un compromiso claro desde o punto de vista dos mecanismos de CO2, asignando este ano só un 22 por cento dos recursos permitidos pola Unión Europea”.