Partido Popular de Lugo

García: “a imposibilidade de dispoñer de 4,5 millóns de euros de remanente da Deputación ata agora débese aos incumprimentos da regra de gasto do goberno provincial”

O vicevoceiro do Grupo Provincial Popular, José Antonio García, sinala que “a imposibilidade de dispoñer de 4,5 millóns de euros de remanente desta Deputación ata agora se debe aos propios incumprimentos do goberno provincial en relación á regra de gasto”.

 

O popular explica tamén que “esa situación mudou por unha situación política clara que se deu no Estado: fronte ao intento do Goberno socialista de Pedro Sánchez de confiscar e quedarse cos aforros de tódalas entidades locais do Estado houbo unha reacción liderada polas administracións nas que goberna o Partido Popular en contra desa confiscación”.

 

Ante esta situación, “o Goberno tivo que dar marcha atrás” e isto é o que nos leva ao punto no que estamos agora mesmo; “pero non foi grazas a persoeiros como o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, que se puxo dacordo nesa confiscación e quedou no máis absoluto ridículo cando tivo que rectificar”.

 

O popular convidou ao goberno provincial a levar a acabo un plan covid de apoio ao tecido económico e social “o mesmo que xa plantexamos fai seis meses”. Advertiu tamén que “antes escudábanse na imposibilidade legal de dispoñer dos fondos, pero agora non teñen escusa. É o momento de darlle a provincia o que precisa ante a actual situación” derivada da pandemia do coronavirus. Por iso, García volveu pedir “aumentar o Plan Único”.

 

“Non é o momento de facer orzamentos continuistas, de corta e pega, como anunciara o presidente. Ante unha situación preocupante na que se atopa o tecido económico e social da provincia e o futuro complicado que se presenta para moitas familias e para os propios concellos tamén; a Deputación tense que deixar de contos e incrementar o Plan Único ou, no seu defecto, un plan específico de axudas con directrices claras sen discriminación entre concellos e persoas da mesma provincia co que facer fronte a esta situación”.

 

“Despois do fracaso do Goberno do Estado de confiscar os aforros das institucións locais, é o momento de que se note a dispoñibilidade destes fondos e de que a Deputación serve para algo no ano da gran pandemia” porque “ata agora, non vimos ningunha resposta por parte do goberno provincial para facer fronte ás consecuencias da pandemia. A pesar de ter anunciado a bombo e platillo un plan de 3,3 millóns de euros para medidas específicas de apoio ao tecido económico da provincia, non coñecemos que se teña asinado ningún convenio nin sabemos tampouco o nivel do plan executado a día de hoxe”, dixo García.

 

Neste sentido, o deputado popular considerou “unha pena” que non “o goberno provincial non traian ao pleno propostas específicas para facer fronte a esta situación concreta aparelladas a eses máis de 4 millóns de euros”.