O grupo municipal do PP de Monforte cre que non é tempo de dedicar recursos a obras innecesarias, porque a saída da crise económica xerada pola pandemia de covid-19 esixe investir os recursos dispoñibles en axudas para avanzar cara á recuperación. Os populares defenderán na próxima sesión plenaria do Concello unha moción para instar ao equipo de goberno a levar a cabo aquelas actuacións necesarias, baixo os mecanismos xurídicos e administrativos oportunos, para que os cartos destinados no presuposto municipal para a construción dunha nova ponte no Malecón se transfiran a unha partida para axudas para paliar as consecuencias económicas da covid-19, que vaian desde exencións fiscais ata achegas directas aos afectados pola situación.
A portavoz do PP no Concello, Katy Varela, sinala: “As circunstancias que vivimos non teñen precedentes na nosa historia recente e menos no actual período democrático. Afrontamos unha pandemia, de ámbito mundial, que afecta ao desenvolvemento económico da nosa sociedade. Monforte de Lemos non escapa a esa nova realidade, e, seguramente, as consecuencias económicas da crise sanitaria serán aínda máis intensas que noutros lugares. Nunha situación así, nunha cidade como é Monforte, que arrastra anos de decadencia económica e demográfica, é necesario activar todos os recursos dispoñibles para evitar estes efectos tan adversos”.
Os populares entenden que non é momento de que o Concello afronte a construción dunha nova ponte sobre o Cabe, no malecón. Consideran que é unha obra innecesaria e queren que, o millón e medio de euros que, ao parecer, custaría esta nova infraestrutura se dediquen a dar apoio directo aos máis afectados pola crise provocada pola pandemia. Varela di: “Dende o grupo municipal do Partido Popular consideramos non apropiado ese gasto tan alto para a construción dunha infraestrutura que nestes intres non é necesaria na cidade; pensamos que si sería adecuado investilo nunha partida para axudas para paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria”.
A realidade da pandemia, sinala o PP, impide a vida normal dos cidadáns, “afectando moitísimo á economía dos servizos, economía básica na nosa cidade. Por iso é necesario que se adopten medidas de cara o ano 2021 que cremos fundamentais para axudar ao cidadán”. Cita, entre outras, unha baixada do IBI e do IVTM para todos os cidadáns, así como exencións fiscais para aqueles autónomos afectados directamente polas medidas restritivas durante todo o ano 2021. No PP propoñen igualmente establecer axudas directas a aqueles negocios con risco de desaparición e a empregados de negocios afectados por ERTE.
Varela asegura: “É un erro pensar que a pandemia xa pasou e que as axudas que se deron no principio foron suficientes. A crise sanitaria segue e está en vigor un novo estado de alarma decretado polo Goberno central durante seis meses que permite as medidas restritivas. É importante estar preparados para axudar a nosa poboación o vindeiro ano”.