A relación do presidente da Deputación, José Tomé (PSOE), coa empresa pública Tragsa está baixo a lupa do PP dende o primeiro momento. Agora, segundo explica o portavoz popular, Javier Castiñeira, “o grupo provincial do Partido Popular acaba de solicitar acceso á documentación do convenio da Deputación de Lugo co Concello de Monforte para contratar a Tragsa unha vez máis, neste caso a xestión da piscina municipal de Monforte mentres non se resolve o problema entre o Concello e a concesionaria”.
Castiñeira sinala: “A nós parécenos un feito que constitúe un agravio comparativo para o resto dos concellos, que tamén tiveron ou teñen problemas coa xestión das piscinas municipais; nunca se lles deu a posibilidade de resolvelo usando medios e recursos da Deputación de Lugo como o está a facer o alcalde de Monforte”. Os populares consideran que “Tomé confunde a Deputación co seu Concello e traslada os problemas de Monforte para que o resolva o organismo provincial cos seus recursos; fai e desfai segundo lle peta e usa a Tragsa como ariete para as súas comenencias”.
No PP non esquecen que Tomé xa recorreu a Tragsa para outros traballos no seu concello. Castiñeira sinala: “Xa o fixo para limpar as áreas recreativas no Cabe con traballadores de Suplusa, que todo o mundo sabe que están contratados provisionalmente por Tragsa e que non tiñan encomendada esa tarefa dentro das súas responsabilidades e así o denunciou o PP. E de novo acode a Tragsa para resolver un tema que lle está queimando as mans como é o da piscina municipal”.
O portavoz dos populares destaca que “a relación do señor Tomé con Tragsa está en discusión dende po primeiro día, cando a Deputación mercou accións desta sociedade omitindo ao pleno, o que levou ao PP a un contencioso por entender que se suplantaron as competencias plenarias”. Explica que este asunto está pendente de resolver e que o xulgado xa solicitou documentación á Deputación.
Castiñeira conclúe: “En definitiva, o señor Tomé tenta tapar a súa incompetencia como alcalde de Monforte usando a súa condición de presidente da Deputación. Non é un bo exemplo intentar aproveitarse dos recursos e medios da Deputación para arranxar un problema propiamente municipal, utilizando novamente a Tragsa para evitar un proceso de contratación público”.