O Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo presentará unha moción de cara ao vindeiro pleno da corporación para instar ao goberno local a arranxar o paseo do faro da illa Pancha e acondicionar prazas de aparcamento.
A vicevoceira, Elena Sierra, explica que “o paseo do faro da illa Pancha de Ribadeo é un dos máis visitados tanto polos nosos veciños coma polos nosos turistas”. Pero, lamenta que “na actualidade se atopa nun estado de total abandono: o seu pavimento atópase desfeito e presenta moitos baches, tampouco conta cunha correcta iluminación e presenta unha gran falta de limpeza e conservación das beirarrúas”.
A popular insta ao goberno do BNG a poñerse a traballar canto antes e arranxar as infraestruturas municipais en beneficio dos ribadenses. Sierra engade, ademais, que “se queremos presumir de pobo turístico, debemos dar exemplo e ofrecer unha boa imaxe”.
Desinfección
Elena Sierra indica tamén que “a falta de limpeza das beirarrúas evidencia tamén falta de desinfección dunha zona pola que pasea a diario tanta xente”. Polo tanto, critica “esta falta de previsión precisamente agora nos tempos da covid”.